Gonzalo Caballero reclama á Xunta un programa de apoio para a industria cultural

O secretario xeral demanda situar á cultura do país como “unha prioridade” nun contexto de paralización dos seus ingresos e da súa actividade.
Publicado por o día 28/04/2020 na sección de Política,PSOE

Gonzalo Caballero reclama á Xunta un programa de apoio para a industria cultural

O secretario xeral demanda situar á cultura do país como “unha prioridade” nun contexto de paralización dos seus ingresos e da súa actividade.

Gonzalo Caballero reclamoulle hoxe á Xunta que tome medidas para apoiar ás industrias culturais de Galicia, un sector que está atravesando “un momento terriblemente difícil” pola paralización da súa actividade.

“A Xunta ten que prestar atención e dar acompañamento ao sector cultural galego”, requiriu o líder socialista tras recordar que representa máis do 3% do PIB da comunidade e que milleiros de familias do noso país dependen del.

“Hai que tomar medidas de apoio ao sector audiovisual, do libro, das artes escénicas, dos concertos e das festas…”, recalcou Gonzalo Caballero, e urxiu o desenvolvemento dun “gran programa de acción” para o sector cultural “no sentido máis amplo”.

Así pois, o máximo dirixente do PSdeG formulou que hai que aportar “axudas directas, liquidez, incentivos” ao sector e planificar tamén as actividades que se poderán desenvolver ao longo do verán coas precaucións debidas.

Trátase, como dixo Gonzalo Caballero, de que o sector poida “resistir esta crise sen ter que adoptar medidas de peche”. “A Xunta ten orzamento, ten capacidade e é a súa competencia”, evidenciou, antes de sinalar que o goberno galego mantén “moitas reunións” co sector pero “nin toma decisións nin resolve os problemas”.

O SECTOR CULTURAL, “UNHA PRIORIDADE”

“É necesario que a Xunta tome ao sector cultural como unha prioridade, e que cumpra con el”, recalcou Gonzalo Caballero, ao tempo que asegurou que o PSdeG está “disposto a aportar” na defensa do conxunto da cultura do país.

“Queremos apoiar á nosa cultura, que ademais é fonte de riqueza e de emprego”, engadiu, dende o convencemento de que non se pode deixar “abandonado” este sector en circunstancias tan complexas como as actuais.