Gonzalo Caballero reivindica que “o PSdeG é a única garantía para sacar a Ourense do furgón de cola no que a meteu o PP de Feijóo e Baltar con Jácome como bastón”

O secretario xeral ve “o pacto contranatura de Feijóo, Baltar a Jácome” a mostra de que Feijóo “está disposto a tragar co que sexa para tentar resistir os ventos de cambio”
Publicado por o día 05/09/2019 na sección de Política,PSOE

Gonzalo Caballero reivindica que “o PSdeG é a única garantía para sacar a Ourense do furgón de cola no que a meteu o PP de Feijóo e Baltar con Jácome como bastón”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, inaugurou hoxe a xornada ‘Democracia e boas prácticas na gobernanza provincial’ para contrastar “o caciquismo” que impera na Deputación de Ourense coa “equidade” coa que Valentín González Formoso, Carmela Silva e José Tomé gobernan as institucións provinciais da Coruña, Pontevedra e Lugo.

Nese foro, o líder dos socialistas galegos referiu como a única provincia que goberna o PP “ten a taxa de actividade máis baixa de España, por debaixo do 50%” e presenta un nivel de envellecemento que se concreta en que “por cada neno, hai tres persoas maiores de 65 anos”. Mentres, a pensión media en Ourense está “á cola de España”.

Con este panorama, Gonzalo Caballero urxiu “impulso” para a provincia e reivindicou que “o PSdeG é a única garantía para darlle o cambio de futuro que necesita”. Precisamente, destacou que “os socialistas temos outro xeito de gobernar” e que na Coruña, Lugo e Pontevedra “implicou cambios en positivo” que permitiron “deixar atrás o sinónimo histórico das deputacións como caciquismo”.

No caso de Ourense, como apuntou, o PSdeG obtivo nas pasadas eleccións municipais -ao igual que nas xerais e nas europeas- “uns resultados históricos” que fixeron que o PP perdera a maioría absoluta, a pesares do cal “o pacto contranatura de Feijóo, Baltar e Jácome” impediu que o cambio chegara á provincia e á súa capital.

Máis ao contrario, o líder do PSdeG lamentou o “esperpento” no que se ten convertido a política ourensana, cun Feijóo convertido en “inimigo” da terceira cidade de Galicia. “Debería ter a coraxe de vir a Ourense con Baltar e con Jácome a explicar por que utilizou os votos do PP para converter en alcalde a quen tachou de letal, e Jácome a dicir por que agora mantén o caciquismo e o retraso institucional”, incidiu.

“Feijóo está disposto a tragar o que faga falta para tentar resistir os ventos de cambio da nova maioría social”, evidenciou Gonzalo Caballero, quen avanzou que “esa dinámica” que quedou de manifesto nas recentes citas electorais na provincia de Ourense “será imparable” no futuro, porque “a cidadanía toma nota”.

FINANCIAMENTO EQUITATIVO

E, tras facer fincapé na necesidade de “avance” que amosa Ourense, o secretario xeral do PSdeG puxo en valor o traballo que levan adiante as tres deputacións provinciais que gobernan os e as socialistas.

Fronte ao “caciquismo”, explicou, as deputacións de Pontevedra, Lugo e A Coruña reparten os fondos para os concellos de xeito “obxectivo”, ao contrario do que ocorre en Ourense. De feito, recordou que o propio Jácome reclamaba un sistema diferente, o que non lle impide agora “ser o bastón de apoio de Baltar”.

“NECESITAMOS UN CAMBIO”

Ao fío disto, o secretario provincial do PSdeG en Ourense e voceiro na Deputación, Rafael Rodríguez Villarino, situou as tres deputacións socialistas como “gobernos democráticos” fronte á “familia que goberna a provincia”, que “se nega a financiar aos concellos equitativamente”.

“Ourense leva moitos anos estancado e necesitamos un cambio que traia progreso”, concluíu, ao tempo que agradeceu a Carmela Silva, José Tomé e Valentín González Formoso que viñeran a Ourense a expoñer estes “exemplos de boas prácticas”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.