Gonzalo Caballero reivindica que “por primeira vez” un goberno está traballando para recuperar Meirás

O director xeral para a Memoria Histórica traslada ao líder do PSdeG que se están analizando “todas as posibilidades legais”
Publicado por o día 28/09/2018 na sección de Política,PSOE

Gonzalo Caballero reivindica que “por primeira vez” un goberno está traballando para recuperar Meirás

secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe, en compañía do portavoz parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, unha xuntanza de traballo co director xeral para a Memoria Histórica, Fernando Martínez, para abordar os traballos en prol da recuperación do Pazo de Meirás para o público.

Ao termo do encontro, Gonzalo Caballero puxo en valor “o compromiso claro en defensa da memoria histórica” do goberno presidido por Pedro Sánchez, como proba o feito de que, nos seus cen primeiros días, xa se teña aprobado a retirada dos restos do ditador do Val dos Caídos.

No que atinxe ao Pazo de Meirás, o líder dos socialistas galegos destacou “a plena sintonía” co executivo e reivindicou que “por primeira vez” un goberno está traballando “con rigor e seriedade” para analizar “todas as posibilidades legais” que permitan que ese inmoble “volva a mans do patrimonio público e da cidadanía”.

“O goberno ten a vontade de facelo e non vai a deixar de facer nada que se poida facer dentro do marco legal para corrixir aqueles elementos que están distorsionando a realidade da memoria histórica”, proseguiu o máximo dirixente do PSdeG, sen esquecerse dos “avances” que xa se están dando neste eido.

Nese senso, Gonzalo Caballero apelou ao resto da esquerda para “dar impulso” a un goberno que “está comprometido” con esta causa no canto de “caer en debates estériles que poidan desvirtuar” o que ten que ser un obxectivo común das forzas da esquerda: “a recuperación da dignidade das vítimas e poñer en valor causas democráticas que van máis alá do status quo herdado do franquismo”.

“FRONTE Á PASIVIDADE, TRABALLO RIGOROSO”

Pola súa banda, o presidente e voceiro parlamentario do PSdeG amosouse “moi satisfeito e tranquilizado” trala xuntanza co director xeral de Memoria Histórica, sobre todo vista “a negativa displicente e pouco fundamentada” que tiña dado o goberno de Mariano Rajoy ao referido a loitar pola recuperación para o público do Pazo de Meirás.

“Fronte á pasividade do goberno do PP durante tanto tempo, agora hai un traballo rigoroso”, concluíu Xoaquín Fernández Leiceaga, non sen apuntar que o acordo na Cámara galega foi tomado o pasado mes de xullo.

Sinalou tamén que o director xeral é un home plenamente comprometido coa memoria histórica e que, recibidas as peticións do Parlamento de Galicia e da Deputación da Coruña, “existe vontade política para que os servicios xurídicos estuden as mellores alternativas legais”, valorou o voceiro do PSdeG na Cámara.