Gonzalo Caballero, reunido co presidente de Arxentina: “Un goberno progresista abrirá unha nova páxina nas relacións entre Galicia e Latinoamérica”

Publicado por o día 05/03/2020 na sección de Política,PSOE

Gonzalo Caballero, reunido co presidente de Arxentina: “Un goberno progresista abrirá unha nova páxina nas relacións entre Galicia e Latinoamérica”

O candidato do PSdeG-PSOE á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, mantivo este xoves unha xuntanza de traballo co presidente da República Arxentina, Alberto Fernández, co obxectivo de relanzar as relacións de Galicia co país austral e con Latinoamérica se é presidente a partir do vindeiro 5 de abril.

“Feijóo descoidou os lazos con países tan importantes para Galicia como Arxentina, onde residen máis de 150.000 galegos e galegas”, lamentou ante os xornalistas á saída da Casa Rosada.

De feito, Gonzalo Caballero sinalou que Feijóo preferiu abrir canles de contacto cos gobernantes que lle resultaban máis afíns ideoloxicamente, como foi o caso dos conservadores Mauricio Macri e Peña Nieto, que xa non están no goberno.

É por iso que o candidato socialista quixo abrir con este encontro unha “nova etapa de relación fluída e cordial entre Arxentina e Galicia”. Sinalou que un goberno progresista na Xunta garantirá “interacción continua co presidente Alberto Fernández” para “defender os intereses de Galicia e dos galegos na Arxentina, así como para desenvolver unha nova axenda de relacións internacionais con Iberoamérica”.

Ligazóns

Apostou por abrir un novo “ciclo de interacción profundo e intenso con Arxentina” para recuperar as ligazóns históricas con aquel país e “darlle a Galicia o peso que necesita e merece e para que Iberoamérica volva ter un papel importante na axenda internacional desta Comunidade Autónoma”.

Subliñou que “a Galicia interésalle ter a maior relación co presidente de Arxentina para defender os intereses das empresas galegas e a actividade da comunidade emigrada” e abrir unha “axenda de traballo conxunta” mutuamente beneficiosa que “nos dará moitas posibilidades de futuro”.

Caballero trasladoulle a Alberto Fernández a “satisfacción dos socialistas e progresistas de abrir un novo ciclo en Arxentina” que permita consolidar un “necesario cambio a prol dun goberno progresista con prioridade social e pasar páxina a catro anos de goberno neoliberal de Macri que tan mal resultado de xestión tivo para o país”.

O candidato socialista comezou a súa visita a Arxentina co encontro co presidente de Arxentina na Casa Rosada, antes de desprazarse ao Centro Gallego de Buenos Aires, onde manterá un encontro coa comunidade galega residente no país, ao igual que no Centro Galicia.

Comentar noticia

Your email address will not be published.