Gonzalo Caballero rexeita que a continuidade de Feijóo sexa “continuidade nos recortes” ou “inacción” na Xunta: “non pode pasar un día máis sen tomar decisións”

O voceiro parlamentario do PSdeG lembra a “enorme preocupación” dos pais e nais por que “Galicia non ten goberno á hora de defender aos alumnos e á comunidade educativa”
Publicado por o día 24/08/2020 na sección de Política,PSOE

Gonzalo Caballero rexeita que a continuidade de Feijóo sexa “continuidade nos recortes” ou “inacción” na Xunta: “non pode pasar un día máis sen tomar decisións”

O voceiro do Grupo Parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, salientou este luns respecto “á continuidade do goberno do PP” tras os resultados electorais do pasado 12 de xullo, pero deixou claro que “non pode supoñer a continuidade nos recortes nin a inacción no gobernó da Xunta”.

Tras unha xuntanza co presidente do Parlamento de Galicia, Caballero asegurou que o seu grupo “traballará con lealdade ao servizo dos galegos e das galegas”, pero urxiu a Feijóo a “non deixar pasar un día máis sen tomar as decisións” que precisa a cidadanía ”fronte a crise sanitaria, económica e social” provocada pola covid. Neste eido, o voceiro socialista esixiu ao líder popular que “deixe de estar de perfil”, ao tempo que defendeu a necesidade dun cambio “para non seguir na liña dos recortes”.

O PSdeG ofrece nesta lexislatura “man tendida”, pero ao tempo, “estaremos confrontando cada vez que haxa políticas de recortes”, porque para superar esta crise, defendeu Caballero, “hai que saír con políticas de servizos públicos e de servizo á xente”.

Nesta liña, e na defensa deste “cambio necesario”, o voceiro socialista incidiu especialmente nas incertezas que rodean ao inminente inicio do curso escolar. “Os pais e nais deste país estamos todos preocupadísimos porque vemos que Galicia non ten goberno á hora de defender os intereses dos alumnos e da comunidade educativa”, manifestou.

“Cinco meses despois do inicio da pandemia, estamos a ver como a Xunta non fixo os deberes”, sostivo o voceiro socialista, ao tempo que pediu ao goberno en funcións “que active todas as decisións necesarias  para o inicio do curso escolar neste mes de setembro”.

REDUCIR RATIOS E CONTRATACIÓN DE 2000 DOCENTES

O líder do PSdeG defendeu “unha aposta forte” por iniciar o curso escolar “con todas as garantías”. Nesta liña, Caballero lembrou a “falta de inciativa” do goberno e recalcou que “o que tiña que ter feito é un diagnóstico real da situación dos recursos humanos e dos espazos”.  Neste contexto, o PSdeG propón un plan de volta ás aulas “que permita reducir distancias e ampliar ratios buscando aulas alternativas e contratando 2000 novos docentes”, explicou Caballero.

Neste punto, o voceiro socialista referiuse ao exemplo de Castilla-La Mancha, que “cos mesmos cartos contrataron 2000 novos docentes para o inicio do curso escolar, mentres que aquí Feijoo anuncia 240 prazas, as mesmas prazas que viña convocando cada ano”.

Outra das apostas que o PSdeG realiza de cara á volta ás escolas é que o goberno da Xunta asuma a limpeza dos colexios e dos espazos alternativos que se habiliten, porque “os concellos non teñen fondos”, advertiu Caballero. “Non podemos permitir que haxa un goberno baleiro”, insistiu o voceiro socialista, “precisamos dun protocolo tamén para comedores e para os accesos de mañá porque a conciliación é unha necesidade”.

Por último, Gonzalo Caballero lembrou que “tampouco se abordou un plan de dixitalización que garanta que, nun caso de emerxencia e confinamento, todos os nenos e nenas poidan seguir o curso”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.