Gonzalo Caballero sinala que as alcaldesas terán “un papel protagonista” na dirección da Fegamp “por primeira vez na historia”

O secretario xeral destaca que a militancia socialista apostou “moi maioritariamente”, cun 94% dos votos, por “un goberno progresista forte, que manteña as políticas de benestar e avance”
Publicado por o día 25/11/2019 na sección de Política,PSOE

Gonzalo Caballero sinala que as alcaldesas terán “un papel protagonista” na dirección da Fegamp “por primeira vez na historia”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo o domingo unha xuntanza cos alcaldes e alcaldesas que formarán parte dos órganos directivos da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) encabezados por quen será o seu presidente, Alberto Varela, e a súa vicepresidenta executiva, María Barral.

Antes do inicio da xuntanza, o líder dos socialistas galegos destacou que a próxima directiva da Fegamp “vai dar ás mulleres o protagonismo que nunca tiveron”, pois os equipos do PSdeG serán paritarios “para amosar a importancia e o noso compromiso coa igualdade real”.

“Por primeira vez na historia da Fegamp, as mulleres terán o peso que lles corresponde”, reivindicou Gonzalo Caballero.

Como detallau, acompañarán ao seu presidente, Alberto Varela catro mulleres e catro homes. Así, a alcaldesa de Betanzos, María Barral, será a vicepresidenta executiva, e estarán tamén as rexedoras de Vimianzo (Mónica Rodríguez), Castro Caldelas (Sara Inés Vega) e Trabada (Mayra García), así como os rexedores de Cariño (José Miguel Alonso Pumar), Pontecaldelas (Andrés Díaz), O Carballiño (Francisco Fumega) e Pedrafita (José Luis Raposo).

A renovación da dirección da Fegamp na asemblea convocada para o vindeiro venres complétase co nomeamento do Consello Federal, no que a candidatura socialista é tamén paritaria.

CONCELLOS SOCIALISTAS FRONTE Á “DESATENCIÓN” DA XUNTA

Ao PSdeG correspóndelle de novo liderar a Fegamp en virtude, como destacou Gonzalo Caballero, dos resultados “históricos” acadados nas recentes eleccións municipais, tralas cales “os e as socialistas gobernamos tres das catro deputacións provinciais e cinco das sete cidades galegas, así como máis dun cento de concellos”. “O municipalismo en Galicia ten color socialista”, concluíu.

Ademais, o máximo dirixente do PSdeG puxo en valor que os alcaldes e as alcaldesas socialistas son “unha referencia” en políticas pensadas para a cidadanía, coas que cobren “a dexación de funcións, a desatención e a incapacidade da Xunta” á hora de dar solucións aos problemas da xente.

REPARTO DE FONDOS “XUSTO”

Pola súa banda, o rexedor de Vilagarcía sinalou que os problemas dos concellos, grandes ou pequenos, son “parecidos”, na medida en que seguen sendo “unha administración subsidiada e bastante tutelada” doutras institucións.

“Somos unha administración moi eficiente, a que máis cumpre en materia de débeda, e necesitamos ferramentas adecuadas”, recalcou o vindeiro presidente da Fegamp, quen avanzou que esixirá á Xunta, “dende a lealdade institucional”, un reparto de fondos “xusto e equitativo”.

CONSULTA SOBRE O PACTO DE GOBERNO

En paralelo, Gonzalo Caballero aproveitou para facer unha valoración sobre a consulta á militancia que onte celebrou o PSOE sobre o acordo de goberno con Unidas Podemos e que foi referendado de forma “moi maioritaria”.

En Galicia, a porcentaxe de apoio a ese goberno subiu ata o 94%, de xeito que os afiliados socialistas -dixo o secretario xeral- amosaron a súa vontade de que se forme “un goberno progresista forte, que manteña as políticas de benestar e avance, e que free os riscos das dereitas e a ultradereita”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.