Gonzalo Caballero sinala que o ingreso mínimo vital supón “un avance histórico” e a garantía para unha saída da crise “sen que ninguén quede atrás”

O secretario xeral reclama a Feijóo “cooperación e non obstrución” na situación de Alcoa, unha empresa que debe rectificar o anuncio de peche logo de recibir 38 millóns nos dous últimos anos para a planta de San Cibrao
Publicado por o día 29/05/2020 na sección de Política,PSOE

Gonzalo Caballero sinala que o ingreso mínimo vital supón “un avance histórico” e a garantía para unha saída da crise “sen que ninguén quede atrás”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, sinalou hoxe que o Ingreso Mínimo Vital aprobado hoxe polo goberno liderado por Pedro Sánchez constitúe un “avance histórico” no estado do benestar. O líder socialista explicou que a iniciativa garante unha saída da crise “sen que ninguén quede atrás”.

Gonzalo Caballero contrapuxo a “saída da crise pola esquerda”, que supón “protexer e salvar á cidadanía en dificultades, con apoios e medidas como o Ingreso Mínimo Vital”, fronte á “xestión diferente” por parte da dereita, que “cando gobernaba o que salvaba era aos bancos”. Por iso valorou esta medida que “é adoptada cando é máis necesaria que nunca” nun contexto como o actual e “desexada e esperada” pola cidadanía.

O Ingreso Mínimo Vital, dixo o máximo dirixente do PSdeG, supón a “garantía dunha sociedade máis xusta”, grazas a un “escudo que protexe á cidadanía e que garante un medio de vida para quen ten maior dificultade”. Constitúe, engadiu, “unha solución a problemas estruturais” e tamén “un impulso á reconstrución do país e á recuperación económica sen que ninguén quede atrás”.

Gonzalo Caballero explicou que o IMV supón un dereito social que garante a reconstrución “cooperativa e colectiva”, incorporando á cidadanía á solución á crise, e que responde á importancia de desenvolver “unha folla de ruta inclusiva” para permitir “ingresos suficientes para sobrevivir e garantir unha vida digna a pesares da crise económica e social”.

Así as cousas, o responsable dos socialistas galegos reclamoulle á dereita que “colabore e coopere” e que apoie ao goberno progresista de España en medidas como estas, que constitúen “un escudo de protección tan importante” para 850.000 familias en todo o Estado.

ALCOA

Gonzalo Caballero, quen manterá hoxe unha xuntanza telemática cos responsables de CC.OO. en Galicia na que participarán representantes do comité de empresa da planta de Alcoa en San Cibrao, referiuse tamén á situación da empresa tralo anuncio de despido de 534 traballadores.

Reclamou ao goberno central que “estude todas as posibilidades” para garantir o emprego da planta. “Hai que facer un esforzo para manter a factoría aberta, pero pedíndolle á multinacional que teña responsabilidade”,

O líder dos socialista galegos lembrou que Alcoa ten recibido 38 millóns de euros nos últimos dous anos, en torno a 35.000 euros por cada traballador, converténdose nunha das industrias máis apoiadas do Estado. A multinacional, dixo, “non pode obviar a súa responsabilidade social corporativa tamén coa Mariña de Lugo”, polo que instou á súa dirección a “rectificar” o peche parcial.

Ademais, reclamoulle á Xunta que “demostre capacidade de involucrarse e traballar cooperativamente co goberno de España” para ofrecer unha “posición unitaria e contundente” fronte ao peche. O responsable socialista dirixiuse a Feijóo para encomiarlle que “deixe de ser un mero espectador e non se poña de perfil”.

Constatou que a Xunta “non aportou nada para darlle solución aos problemas do sector industrial en Galicia”, e que malia dispor de plenas competencias en economía, industria e comercio, “carece de planificación e de acción industrial para Galicia”. Lembrou que por exemplo “os buques comprometidos con Pemex nunca chegaron, e tivo que ser o goberno do Estado quen afrontara o problema de Barreras.

Sinalou que na situación de Alcoa, “cando a dereita gobernaba, non promovía un estatuto para as electrointensivas” pero “dende hai dous anos. o PP vén de amosar que non ten ningunha capacidade de contribuír nin vontade de facelo, cun presidente da Xunta que xoga a obstaculizar, a poñer problemas e a non dar solucións” a pesares de contar con plenas competencias en materia de política industrial.

Comentar noticia

Your email address will not be published.