Gonzalo Caballero sinala que os orzamentos da Xunta non dan resposta á crise da covid: “Son un papel sen proxecto, xa superado pola realidade das necesidades da xente”

O líder socialista propón que a Xunta elabore “hoxe mesmo” un gran plan de rescate despois de “poñer o candado” á hostelería, ao comercio, á cultura e ao deporte
Publicado por o día 26/01/2021 na sección de Política,PSOE

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, sinalou hoxe no Parlamento que os orzamentos da Xunta para este ano “non dan resposta” á crise derivada da covid porque non se centran en “fortalecer o benestar, rescatar á economía e construír o futuro” tralo paso da pandemia. “Estas contas son un papel superado pola realidade das necesidades da xente nesta terceira onda”, subliñou, toda vez que foron elaborados cando Feijóo estaba dedicado a “criticar o estado de alarma e o toque de queda porque quería salvar o Nadal e potenciar o turismo durante a Semana Santa”.

Precisamente por iso, porque parten “dunha diagnose que se veu abaixo”, os orzamentos da Xunta “amosan debilidades estruturais, falla de compromiso e falla de proxecto fronte a unha crise de tanta envergadura”, tal e como debullou o líder socialista. “O goberno galego desaproveita a oportunidade de gasto duns orzamentos expansivos para corrixir eivas e para protexer á xente”, remarcou, non sen lamentar que o PP “desprezou o acordo e o diálogo” tanto cos grupos parlamentarios como cos concellos, os sectores afectados ou os axentes sociais.

Como proba, Gonzalo Caballero evidenciou que o PP non aceptou “nin unha soa” das 570 propostas de modificación dos gastos feitas polo Grupo Socialista. “Nós mantemos a man tendida porque un acordo de país permitiría unha saída desta crise máis sólida, pero o PP prefire falar só con Pablo Casado”, reprobou, sen deixar de reclamar á Xunta que “baixe do pedestal” porque “a realidade obriga a replantexar os orzamentos” para “atender ás necesidades da xente” e frear “o ataque claro ao municipalismo galego”.

Ao fío disto, o máximo dirixente do PSdeG requiriu máis fondos para mellorar a sanidade pública, “desbordada” nesta terceira onda da covid por falla de persoal e de recursos, para fortalecer a educación pública e para establecer un plan de conciliación para as familias dos milleiros de alumnos que non poden acudir a clase a causa dos contaxios. Así mesmo, esixiu maiores partidas para as residencias de maiores, onde segue habendo contaxios masivos a diario, e “compromiso” coa xuventude, “esquecida” nestes orzamentos.

En paralelo, Gonzalo Caballero fixo fincapé en que as novas restricións anunciadas pola Xunta para tentar conter o avance da pandemia, que sempre foron “asumidas” polo PSdeG, “teñen que vir acompañadas de medidas económicas para que os negocios poidan sobrevivir”. “A hostalería, o turismo, o comercio, a cultura, o deporte…”, enumerou, e deixou claro que “non se pode poñer un candado” nas empresas “e non darlles apoio”. “Comprométanse hoxe mesmo a anunciar un rescate económico para os autónomos e as pequenas empresas”, propuxo, despois de criticar que en todo o ano 2020 o goberno galego só destinou 22 millóns de euros a este fin mentres o goberno de España remitiu máis de 1200 millóns de euros a Galicia en concepto de ERTE, desemprego e axudas a autónomos no ano pasado.

RECONSTRUCIÓN DE GALICIA

Tras formular as cuestións inmediatas que non atallan estes orzamentos, o responsable do PSdeG lamentou que as contas tampouco permiten albiscar “posibilidades para a reconstrución e a modernización” de Galicia. Así se amosa, como sinalou, no feito de que Feijóo pasara de anunciar publicamente sete proxectos para optar a fondos europeos que de súpeto convertéronse en 108 e que pasaron de estar “ocultos” a directamente “desaparecidos”.

“Só eran unha ocorrencia”, evidenciou Gonzalo Caballero, quen advertiu de que a falla de política económica e industrial “ten consecuencias no emprego”. De feito, recordou que nos 11 anos de Feijóo previos á chegada da covid, Galicia xa “perdera 70.000 ocupados cando en España aumentaran en 670.000”, e lamentou que agora o goberno galego “non quere utilizar as posibilidades duns orzamentos expansivos para cambiar esa tendencia”.

“Que expectativas teñen os galegos con estes orzamentos?”, inquiriu, consciente de que a aprobación das contas “non dá máis tranquilidade, solución ou esperanza” aos sectores afectados polas restricións, nin aos mozos que buscan emprego, nin ás familias que requiren políticas de conciliación, nin ás zonas que necesitan unha aposta pola industrialización, nin aos que viven no medio rural, nin aos investigadores que ven que non hai compromiso coa ciencia ou o I+D+i…

“Ao PP non lle senta ben o traxe keynesiano a pesares de ter máis de 1.100 millóns de euros extra procedentes do Estado e da Unión Europea, porque o seu son os recortes”, concluíu Gonzalo Caballero, crítico cunha Xunta “de brazos cruzados” e que se centra máis “na propaganda” que en aportar “solucións”. “O goberno galego xoga no autoengano, e a súa realidade non é a dos galegos”, engadiu.

“NON SON BOS ORZAMENTOS”

Finalmente, o voceiro do PSdeG no Parlamento sinalou que “Galicia necesita orzamentos para enfrontar esta crise”, pero puntualizou que estes “non son uns bos orzamentos” porque “non están á altura do que Galicia necesita”.

“A Xunta só fixo un documento contable, pero carece de proxecto, de sensibilidade e de visión de longo prazo”, explicou, convencido de que coa aprobación dos orzamentos “pérdese unha oportunidade para dar a Galicia a resposta que espera”.

E, tras amosar a súa vocación de que este ano permita “acordos” no Parlamento, Gonzalo Caballero indicou que o PP rexeitou calquera consenso na elaboración das contas. Á vez que pediu reconsiderar os orzamentos para dar mellor resposta no ámbito económico, social e sanitario, desexou “todos os éxitos” ao goberno galego para enfrontar a loita contra a pandemia e a reactivación económica de Galicia.