Gonzalo Caballero sinala unha mobilización crecente para “comezar a reescribir a historia de Galicia a cor” logo de “11 anos en branco e negro co PP”

O líder dos socialistas galegos advirte que “non quero nin pensar en que alguén estea intentando minimizar a situación da Mariña para levar adiante un proceso electoral sen garantías sanitarias”
Publicado por o día 06/07/2020 na sección de Política,PSOE

Gonzalo Caballero sinala unha mobilización crecente para “comezar a reescribir a historia de Galicia a cor” logo de “11 anos en branco e negro co PP”

O candidato socialista á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, chamou hoxe á mobilización na convocatoria electoral do 12X para “comezar a reescribir a historia de Galicia a cor” logo de “11 anos en branco e negro”.

Así o dixo ante varios centos de persoas nun mitin en Ferrol xunto coa portavoz socialista no Congreso, Adriana Lastra, e no que tamén interviñeron o alcalde da cidade, Ángel Mato; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o candidato ferrolán Bruno Díaz.

Gonzalo Caballero apelou aos progresistas e aos galegos e galegas que queren saír da crise “apostando polo estado do benestar e defendendo os servizos públicos” para que dean “un paso adiante” e que “non quede ninguén na casa”. Sinalou que “hai forza e capacidade, somos máis, temos mellores ideas, temos forza para o cambio e saímos ás eleccións para gañar, sacar á dereita do goberno e abrir unha páxina de progreso”.

Advertiu que a dereita “non quere que os progresistas vaiamos votar e queren impoñer o relato de que Galicia é un chiringuito propiedade do PP”. Chamou a “dicirlle cos votos que Galicia non é do PP, é dos galegos, que estamos unidos para defender ao estado do benestar, a sanidade e a educación públicas”, e porque “non queremos gobernar contra ninguén, queremos gobernar a favor de todos os galegos e as galegas”.

Reivindicouse como líder dun “partido que non é nacionalista, que é galeguista, que non é rupturista senón reformista, que é a casa común na que os galegos se sinten cómodos e confortables”. Defendeu unha “recuperación económica con sensibilidade social” e chamou aos galegos que “se espantan cando ven a Casado e lles arrepía ver á ultradereita entrar no Parlamento de Galicia”.

Criticou que o candidato do PP se presente  cun “cínico perfil” de moderado, cando en realidade “é a dereita dura e rancia” que ten “abandonado as súas responsabilidades” na defensa de Galicia “optando por modelos de privatización que vimos que eran unha receita errada”. O mesmo Feijóo, dixo, que lle recortou 2.000 millóns e 500 camas á sanidade pública e que amortizou 1.000 prazas de profesores.

Sinalou que “non me resigno a que a Galicia que deixa o PP sexa a única Galicia posible” e defendeu “unha Galicia mellor, na que os meus fillos poidan vivir cuns servizos públicos que garantan igualdade de oportunidades”. Lembrou as súas propostas de goberno en materia de servizos públicos, que comezan pola convocatoria de 5.000 prazas estables para “rearmar a sanidade pública”.

O goberno socialista tamén creará 2.000 prazas en residencias públicas “logo de que Feijóo en 11 anos non fixera ningunha”, recuperará os libros de texto gratuítos, potenciará a rede de escolas infantís de 0 a 3 anos e establecerá as primeiras matrículas de grao universitario gratuítas. Reivindicou un proxecto de “reconstrución que non deixe a ninguén na cuneta”.

COMPROMISO CON FERROL

Gonzalo Caballero lembrou hoxe que Ferrol é a cuna de Pablo Iglesias, fundador do PSOE hai 140 anos, e reivindicou o traballo do goberno socialista por recuperar a actividade industrial para a cidade, desbloqueando a construción das fragatas de Navantia ou amparando o proxecto da eólica mariña que suporá un investimento de máis de 4.000 millóns de euros.

Dixo que “quero ser presidente da Xunta para ser aliado de Ferrol, que logo da década perdida con Feijóo necesita un presidente da Xunta que colabore co alcalde Ángel Mato para desenvolver o proxecto de cidade que Ferrol merece”.

Así, garantiu que colaborará co alcalde na transformación do CIS da Cabana nun centro tecnolóxico de desenvolvemento da eólica mariña.

COVID NA MARIÑA

O candidato socialista aludiu hoxe tamén ao rebrote de coronavirus na Mariña, con máis de 100 infectados, 1.000 cidadáns confinados á espera de realizar as PCR e 70.000 galegos e galegas que non poden abandonar a comarca. “Non quero pensar que alguén estea intentando dende a Xunta minimizar a situación para levar adiante un proceso electoral sen garantías sanitarias”, advertiu.

Así o dixo logo de cuestionar, dende unha posición de “lealdade crítica” co goberno galego, a decisión de pechar a comarca durante cinco días sen respaldo epidemiolóxico, toda vez que a OMS recomenda entre 10 e 15 días. Sinalou que Feijóo “non está á altura das circunstancias” e esixiulle que “non se esconda e explique por que ese prazo de cinco días e se vai tomar a decisión de volver confinar logo do domingo”.

Criticou que o presidente da Xunta se manteña desaparecido da situación da Mariña logo de estar durante os meses que durou o estado de alarma pedindo a retirada das medidas de protección para que agora lle traslade a autoridade sanitaria aos concellos. Estes, sinalou, non teñen competencias sobre sanidade nin medios para cumprir coas medidas de seguridade que lles impón a Xunta a través do DOG.

Ademais, Gonzalo Caballero amosouse “moi orgulloso” da xestión da crise polo goberno do Estado e recomendoulle ao presidente da Xunta que tome nota e “responda dando toda a información con transparencia” no Parlamento.

“MOVILIZACIÓN”

Pola súa banda, a vicesecretaria xeral do PSOE e voceira socialista no Congreso, Adriana Lastra, falou da pandemia á que está facendo fronte o goberno de España e lamentou non poder facelo coa colaboración do principal partido da oposición.

“El PP prefirió intentar derrocar al gobierno, y Feijóo estuvo detrás, respaldando y aplaudiendo con las orejas cada decisión de Pablo Casado”, reprobou, recordando la oposición de Feijóo al estado de alarma mientras el PP votaba en contra en el Congreso de los Diputados.

“Feijóo me recuerda a Gallardón”, comparou Adriana Lastra, recordando a súa xestión no goberno de Rajoy en contra dos avances en dereitos. Por iso, pediu o voto para ter á fronte da Xunta un presidente que aposte pola sanidade pública, polas residencias públicas para maiores e “por un estado de bienestar que nos proteja a todos”.

“La derecha solo quiere envilecer la política y mantenerse en el poder”, incidiu, para contrastar esa circunstancia cun Gonzalo Caballero que “pone rostro a cada problema de Galicia”. “Hay que movilizar todo el voto progresista para tener en Galicia un presidente que defienda los intereses de los gallegos”, concluíu.

“RETIRAR A FEIJÓO”

O encargado de abrir foi o acto foi o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, quen incidiu na importancia de mobilizarse para ter un presidente socialista en Galicia a partires do vindeiro domingo.

Diso mesmo falou o presidente da Deputación da Coruña e secretario provincial do PSOE, Valentín González Formoso, e puxo tamén en valor “o enorme esforzo” feito polo goberno de España. Tamén por iso pediu un voto socialista o vindeiro 12 de xullo, que castigue a xestión de Feijóo durante a pandemia.

Así mesmo, o ferrolano Bruno Díaz, membro da candidatura socialista pola provincia, recordou os exemplos das Enfermeiras en Loita ou dos Venres Negros da RTVG para poñer de relevo a importancia de “retirar a Feijóo” do goberno da Xunta.

Comentar noticia

Your email address will not be published.