Gonzalo Caballero, sobre o CIS: “Somos a forza que lidera a maioría progresista en votos, escanos e simpatía”

O candidato socialista sinala que “somos a alternativa real e posible ao PP” e chama a activarse ao 66% dos galegos que non queren a Feijóo á fronte da Xunta
Publicado por o día 24/06/2020 na sección de Política,PSOE

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, destacou hoxe que a enquisa do CIS sinala que “o PSdeG lidera a maioría de esquerdas” que existe na nosa comunidade e que “se activará para dar a Galicia o cambio que necesita” tras 11 anos de goberno do PP de Feijóo.

O candidato socialista aludiu así aos datos que amosan que un 65% dos galegos e das galegas considéranse de esquerdas ou de centro esquerda e que indican que o PSdeG é o partido que a cidadanía de Galicia ve con máis simpatía.

“Crecemos en estimación de votos e escanos e somos o partido que esperta máis simpatía entre os galegos, por riba tamén do PP”, subliñou, para comparar o feito de que o 15,3% ve con simpatía ao PSdeG, por diante do 13,6% do PP de Feijóo ou do 9% do BNG.

É por iso que, nun horizonte no que a metade dos galegos recoñece non ter decidido aínda o seu voto e no que o 35% di que o decidirá na última semana, Gonzalo Caballero resaltou que a activación progresista a medida que transcorra a campaña poñerá fin ao goberno de Feijóo.

“Daremos a Galicia o cambio que necesita”, remarcou o líder dos socialistas galegos, quen observou tamén que, a pesares de que o 80% dos galegos cren que o PP gañará as eleccións, “só un 34% queren que as gañe”. “O PSdeG representamos a alternativa real e posible de goberno fronte ao PP”, concluíu.