Gonzalo Caballero: “Somos centos de miles os que estamos fartos do goberno de Feijóo”

O secretario xeral chama a Galicia a “non confirmarse como o resorte da dereita troglodita e retrógrada” e sinala que a Feijóo “quédanlle oito meses para terminar a súa etapa”
Publicado por o día 11/01/2020 na sección de Política,PSOE

Gonzalo Caballero: “Somos centos de miles os que estamos fartos do goberno de Feijóo”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, interveu hoxe, en compañía da vicesecretaria xeral do PSOE, Adriana Lastra, ante a Comisión Executiva Nacional Galega e a Interparlamentaria dos socialistas galegos. Dende alí, sinalou que a Feijóo “quédanlle oito meses para terminar a súa etapa” á fronte da Xunta porque “somos centos de miles os que estamos fartos”.

“É un líder do marketing pero un fracasado na xestión política”, resaltou o líder dos socialistas galegos, quen fixo fincapé en que “Galicia necesita un goberno progresista que reme a favor dos tempos” no canto de “confirmarse como o resorte da dereita troglodita e retrógrada”. É por iso que, como dixo, o PSdeG ten como retos “gobernar con acerto a vindeira lexislatura e manter ese goberno estable para Galicia”.

“Estamos preparados, cos deberes feitos e con todos os exames electorais de 2019 aprobados con nota”, recalcou, antes de profundar en que “estamos preparados para cando Feijóo queira convocar” as eleccións autonómicas. “Queremos traballar por unha Galicia mellor, de oportunidades, de futuro, porque o balance de 11 anos de Feijóo é negro para os galegos e as galegas”, incidiu Gonzalo Caballero.

De feito, o candidato socialista á Presidencia da Xunta apuntou que Feijóo non cumpriu nin o decálogo de compromisos cos que se presentou por primeira vez ás eleccións. “Enganou e non resolveu os problemas que nos preocupan en Galicia”, sentenciou, consciente do empeoramento da crise demográfica, dos servizos públicos e dos datos de emprego, así como da caída de peso industrial e do esmorecemento do rural.

“A ESQUERDA NA QUE SE PODE CONFIAR”

Así pois, Gonzalo Caballero chamou a “pasar páxina aos 11 anos de fracaso de Feijóo”, que “tenta amagar con que é centrista” pero “representa á dereita dos recortes e da falla de sensibilidade” e unicamente utiliza a administración galega para poñela “ao servizo dunha dereita que está competindo pola ultradereita”. “E a súa estratexia de acusar con falsidades ao goberno de Pedro Sánchez xa suspendeu en 2019”, concluíu.

Precisamente, o máximo dirixente do PSdeG destacou que o ano pasado finalizou cuns “resultados históricos” para os socialistas galegos nas distintas citas electorais, ata o punto de que “gobernamos cinco das sete cidades galegas e tres das catro deputacións”, así como en máis dun centenar de concellos. “Somos a esquerda que sabe gobernar e na que se pode confiar”, asegurou.

“Somos Galicia, defendemos Galicia e o noso reto son os problemas de Galicia”, proclamou Gonzalo Caballero, para recordar que “temos o mellor proxecto” xurdido do congreso no que saíu elixido secretario xeral, e que o presidente do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, está coordinando a elaboración do programa electoral. Todo iso, en paralelo ao traballo de IdeaGaliciaLab, que terá unha nova sesión o sábado 18.

“EL GOBIERNO NECESITA UN INTERLOCUTOR EN GALICIA”

Ao fío disto, a vicesecretaria xeral do PSOE, Adriana Lastra, apostou por “retirar a Feijóo” nas vindeiras eleccións autonómicas, porque “Galicia necesita un cambio”.

“El gobierno necesita un nuevo interlocutor en Galicia que sepa gestionar, que sepa cuáles son las necesidades y prioridades de esta tierra. Que cuando hablemos de la industria, sepa lo que es la industria; que cuando hablemos de las electrointensivas, sepa lo que es…”, engadiu a número dous do PSOE, consciente do “déficit de gestión evidente” que acumula Feijóo.

De feito, a tamén voceira socialista no Congreso atribuíu a este feito que Feijóo prefira “jugar a la confrontación permanente con el gobierno de Pedro Sánchez”.

E, tras situar como “o futuro” tanto a Pedro Sánchez como a Gonzalo Caballero, Lastra asegurou que Pedro Sánchez pediulle que dixera que “la agenda gallega estará en el centro del Consejo de Ministros”. Así, asuntos como o estatuto para a industria electrointensiva ou a transferencia da AP-9, na que “tuvo mucho que ver” Gonzalo Caballero, serán prioritarios para o goberno.

Ademais, criticou que Feijóo “va a resultar el más de ultraderecha” dentro do PP tras anos de amosarse “como Gallardón”, nesa liña “moderada” da dereita.

“UN PAÍS MEJOR”

En paralelo, a dirixente socialista sinalou que Pedro Sánchez está conformando “un gobierno muy preparado”, que está sendo “celebrado” tanto en Europa como dentro de España, e que traballará “para hacer frente a todos los problemas del país”.

“Queremos construir un país mejor al menos los próximos cuatro años”, resaltou, e lamentou que a dereita “no acepta el resultado” das eleccións e a súa proximidade cunha ultradereita “que viene a arrasar todo con un discurso neofranquista”.

Por iso, Adriana Lastra pediu a Pablo Casado que “camine hacia la moderación” e cara situar ao PP como “un partido de derecha democrática” no canto de converterse “en una franquicia de Vox”.

“En sus filas y entre sus votantes hay demócratas horrorizados por los pactos con la ultraderecha”, afirmou a voceira parlamentaria, crítica co discurso de cuestionar a violencia machista e o cambio climático ou o ataque aos dereitos LGTBI.

 

“SEGUIR AVANZANDO”

 

Pola súa banda, Gonzalo Caballero aproveitou a ocasión para trasladar os parabéns de todo o socialismo galego a Pedro Sánchez e tamén a Adriana Lastra pola súa labor “para que hoxe en España haxa un goberno progresista”.

 

“Temos que seguir avanzando, construíndo, porque fronte a nós hai unha coalición das dereitas coa ultradereita que nos preocupa, e que nos avergoña”, admitiu o secretario xeral do PSdeG, quen augurou que o novo goberno será positivo para España.

 

“Non temos medo ao futuro porque, se en oito meses puidemos subir as pensións e o salario mínimo e tomar medidas para o conxunto da cidadanía, agora teremos máis capacidade para avanzar na modernización, na tolerancia e na xustiza social”, valorou.

 

Por último, Gonzalo Caballero dixo que “somos o partido que máis se parece a España” porque “entendemos as normas e o modelo” pero “estamos abertos ao diálogo e ao futuro”. “E temos que seguir avanzando porque España o merece”, rematou.