Gonzalo Caballero subliña a activación do electorado progresista: “Imos meter a sexta marcha de aquí ao domingo para gañar as eleccións”

O candidato socialista chama a que “non quede na casa un só voto progresista” para “retirar á dereita e facer políticas que permitan saír desta crise sen que ninguén quede atrás”
Publicado por o día 09/07/2020 na sección de Política,PSOE

Gonzalo Caballero subliña a activación do electorado progresista: “Imos meter a sexta marcha de aquí ao domingo para gañar as eleccións”

O candidato socialista á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, sinalou hoxe que o PSdeG está “activado na recta final cara ao domingo” e que “temos posta a quinta marcha e imos poñer a sexta para gañar as eleccións”. Así o dixo nun encontro cos alcaldes socialistas de A Coruña, Culleredo, Bergondo, Cerceda, Paderne, Betanzos e os independentes de Carral e Cambre para simbolizar o compromiso coa Área Metropolitana e a rexeneración da Ría de O Burgo.

Caballero fixo un chamamento á participación, para que “non haxa un progresista que o domingo quede na casa” sen dar o apoio necesario para “retirar á dereita a facer políticas que permitan saír desta crise sen que ninguén quede atrás”. Propuxo así un “gran contrato social para unha Galicia de futuro” que mude a xestión dos recortes, privatizacións, austeridade e perda de emprego que provocou o PP na crise de 2009.

O líder dos socialistas galegos apuntou que “estamos motivados, preparados, con ilusión e gañas”, mentres “non vexo ninguén en Galicia ilusionado nin que teña un sorriso cando lle falan de Feijóo”. Advertiu que “mesmo a idea de estabilidade que quere trasladar o PP é a estabilidade da agonía”, cun candidato que “representa un proxecto agónico que quere manter aos seus na poltrona”.

O goberno da xente

Defendeu un proxecto para encabezar “o goberno da xente, que poña os problemas das familias e dos cidadáns en cada un dos consellos da Xunta de Galicia, para a xente que quere un país con posibilidades de futuro”, e que ofreza a “ilusión, esperanza e credibilidade” das que carece o proxecto do PP.

Caballero comprometeuse hoxe cos alcaldes e alcaldesas a ser “un presidente da Xunta sempre co teléfono aberto para atender ás necesidades dos concellos”, que durante a crise da covid demostraron “estar en contacto coa xente para darlles protección, seguridade, medios e políticas sociais”.

Apostou por un “cambio político en Galicia que fomente a interacción entre os alcaldes que se senten abandonados por un presidente da Xunta que se abstraeu da realidade”. Feijóo, dixo, vive de costas ás necesidades do seu pobo, metido en Monte Pío pero que non percorre Galicia e non entende das dificultades e das necesidades dos galegos e das galegas”.

O candidato socialista lamentou que Feijóo se manteña alleo aos “efectos dos recortes na sanidade que aplicou, das dificultades que implican para as familias darlle aos maiores a dignidade que necesitan nunhas residencias con custes excesivos, ou das dificultades dos servizos públicos no medio rural”.

Defendeu unha “política de vertebración territorial que implica conectar ao goberno da Xunta coa Galicia máis dinámica, máis puxante, coa Galicia urbana que sexa o motor tractor para o futuro do país”. Defendeu conxugar esta aposta co “compromiso firme polo medio rural, polos concellos pequenos que necesitan da axuda do goberno autonómico para darlle igualdade de dereitos aos seus cidadáns”.

Área Metropolitana

O cabeza de lista por A Coruña, Pablo Arangüena, foi o encargado de explicar o proxecto para o entorno da Coruña, que pasa por impulsar a Área Metropolitana e “acompañala nos seus proxectos estratéxicos” como a recuperación medioambiental da Ría do Burgo. Dixo que “será nesta Lexislatura na que se faga dunha vez a rexeneración da Ría” na que a Xunta do PP “non puxo un euro malia que ten case tódalas competencias”.

Sinalou ademais á Cidade das TIC, que “simboliza a posta polo futuro e o progreso económico”, que estivo 5 anos paralizada polo PP e que “tivo que vir un goberno progresista para desbloquear o futuro económico da Coruña que representa”. Anunciou ademais a “aposta decidida polo Consorcio Metropolitano do Transporte”, o cambio de trazado da Vía Ártabra par que non destrúa o humidal de A Gándara, ou a mellora de comunicacións coas áreas industriais.

A alcaldesa de A Coruña, Inés Rey, defendeu o proxecto de Gonzalo Caballero para levar ao goberno galego “as políticas socialistas pensadas para as persoas”, e puxo o acento na aposta pola creación da Área Metropolitana, que abrangue a 400.000 habitantes e que foi “ninguneada e deixada de lado polo presidente da Xunta”.

O alcalde anfitrión do encontro, José Ramón Riobóo –Culleredo-, reivindicou a rexeneración da Ría de O Burgo, desbloqueado polo “compromiso do goberno presidido por Pedro Sánchez, con ese orzamento necesario e que vai facer posible a rexeneración da Ría de O Burgo”.

A Mariña

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero dixo que “Galicia merece un presidente que non minta”, e advertiu que Feijóo debe “deixar de estar escondido” para evitar dar conta da xestión do rebrote de coronavirus na Mariña”. Advertiu que os alcaldes “están perplexos vendo como hai un presidente da Xunta que non lles conta o que ocorre e ademais lles traslada a responsabilidade de ser autoridades sanitarias”.

Sinalou que o presidente da Xunta segue sen darlles información sobre un brote que xa supera o nivel de contaxio que había en toda Galicia cando decretou a Emerxencia Sanitaria. Ademais, os obriga a exercer unhas competencias sanitarias das que carecen, e mesmo “en algún dos concellos pequenos nin sequera hai policía local”.

Criticou que Feijóo “prefire estar escondido e non dar a cara para explicar no Parlamento o que ocorre para intentar chegar ao domingo en clave electoral sen dar contas do número de contaxios da Mariña” nin de por que tivo que illar a 70.000 cidadáns da comarca 24 horas despois de dicir que estaba “controlado”, e de que este illamento sexa de 5 días “sen solidez epidemiolóxica algunha”.

Esíxelle a Feijóo que convoque aos partidos políticos para consensuar o aprazamento electoral na Mariña de Lugo

Gonzalo Caballero, esixiulle hoxe ao presidente da Xunta que “convoque aos partidos galegos para consensuar o aprazamento das eleccións na Mariña de Lugo” por mor do rebrote do coronavirus. Así o dixo logo dunha xuntanza cos alcaldes de Lugo e o presidente da Deputación, á que os rexedores e rexedoras dos concellos da Mariña asistiron por vía telemática.

O responsable socialista reclamou o adiamento das eleccións na Mariña como principal medida para conxugar as garantías sanitarias e democráticas. Advertiu que prohibir a votación aos enfermos supón restrinxir un dereito político fundamental, mentres que priorizar o dereito político entra en risco sanitario ao flexibilizar as normativas de seguridade sanitaria “por exemplo das persoas en corentena”.

Alertou de que o anuncio do presidente da Xunta de permitir as persoas en corentena que poidan facer un paréntese para ir votar “é algo que preocupa aos cidadáns e preocupa aos alcaldes e alcaldesas” polos efectos na saúde pública e tamén polas dificultades que pode supor para conformar as mesas electorais este domingo. Sinalou que “nin un só voto, nin un goberno pode primar por riba da seguridade sanitaria”.

Dixo que “Galicia merece un presidente que diga a verdade, que non lles minta aos galegos e galegas, que compareza con toda a información e comparta a folla de ruta co conxunto de partidos”. Reclamoulle ao presidente da Xunta que “abandone o seu illamento en Monte Pío para poñerse a falar cos alcaldes e alcaldesas da Mariña aos que aínda non chamou”.

Ocultar os datos reais

O líder dos socialistas galegos acusou ao presidente da Xunta de comparecer esta mañá, logo do Consello da Xunta, “sen dar os datos que xa tiña actualizados e utilizar os de onte para non explicar que hoxe na Mariña hai máis contaxiados pola covid que os que había en toda Galicia o 13M, cando decretou a Emerxencia Sanitaria”.

Alertou de que “hoxe aparecen na provincia máis contaxiados dos que había onte, e polo tanto a curva de contaxio pode estar en fase de crecemento e temos que tomar tódalas precaucións”. Caballero esixiulle ao presidente da Xunta “información transparente e pormenorizada” da evolución da crise sanitaria na comarca “como lle reclaman os alcaldes e alcaldesas da Mariña cos que non se puxo en contacto todavía”.

Lembrou que o presidente da Xunta “ten competencias e non pode seguir escondido” detrás dun DOG no que sinala aos alcaldes como autoridade sanitaria cando carecen dunhas competencias propias da Xunta de Galicia. Máxima, engadiu, cando “boa parte dos concellos nin sequera teñen policía local que lle poida dar resposta ás necesidades da pandemia”.

Lembrou que o presidente da Xunta dicía o sábado que o brote estaba controlado, para 24 horas despois confinar a 70.000 galegos e galegas en 14 concellos sen sequera poñerse en contacto cos alcaldes.

Esixiulle ademais por que fixou o confinamento en 5 días “cando sabemos que tódolos indicadores de contaxios e as prevencións sinaladas polos epidemiólogos e a OMS esixen medidas de entre 10 e 15 días para  poder testar o virus”.