O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou hoxe que o seu grupo traballará “con lealdade e con responsabilidade” para “acadar acordos de país” e que tamén será “a oposición máis esixente na defensa dos servizos públicos” e na reivindicación de políticas que “promovan unha recuperación ao servizo das persoas”.
Así o dixo ante os medios de comunicación ao termo da sesión constitutiva do Parlamento para a XI Lexislatura, na que prometeu o seu cargo de deputado. “Iniciamos un novo tempo con compromiso e con paixón para traballar por unha Galicia mellor”, destacou, consciente de que o período que agora comeza “estará marcado por unha pandemia que implica unha crise sanitaria e tamén económica”.
Por iso, afondou o líder dos socialistas galegos, fan falta “as mellores políticas públicas”, tanto para “frear a pandemia” como para “aproveitar as posibilidades de impulsar a recuperación e de loitar contra a desigualdade social”.
“Temos que traballar dende o Parlamento para que sexa unha caixa de reflexión e de argumentación para a elaboración e aprobación de novas políticas, e para representar a unha cidadanía preocupada pola pandemia e pola crise económica e social que dela se deriva”, remarcou Gonzalo Caballero, sen obviar que os últimos datos económicos amosan a “profundidade” da crise que estamos atravesando.
Así pois, o máximo dirixente do PSdeG avanzou “catro anos de traballo intenso” nos que os e as socialistas terán “a man tendida e vontade de cooperación na defensa da saúde, a igualdade e o benestar”. “Cumpriremos con Galicia, co reto de saír todos xuntos da crise e sen que ninguén quede atrás”, concluíu.
Noticias de última hora en Vigo