Gonzalo Caballero urxe explicacións a Feijóo polo seu pacto con Jácome: “Pecha o seu ciclo político cun esperpento que Galicia non merece”

Denuncia “un cambio de cromos que traizoa ao electorado” tras recordar que Feijóo dicía que Jácome sería “letal” para Ourense e este que Baltar era “tóxico”
Publicado por o día 18/06/2019 na sección de Política,PSOE

Gonzalo Caballero urxe explicacións a Feijóo polo seu pacto con Jácome: “Pecha o seu ciclo político cun esperpento que Galicia non merece”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, compareceu hoxe ante os medios de comunicación para poñer en valor que o Partido Socialista é a forza política “que máis avanza”, ao contar con 111 alcaldes e alcaldesas que gobernarán a un millón e medio de persoas, máis da metade da poboación de Galicia. “Temos o impulso dos galegos para gañar o futuro”, destacou.

Nesa liña, tras amosarse “satisfeito” cos resultados acadados, Gonzalo Caballero asegurou que os rexedores socialistas traballarán “para dar aos concellos avances sociais e impulso democrático” dende “o compromiso coa cidadanía”. “Queremos que os concellos sexan tamén un motor de cambio para o futuro de Galicia”, recalcou.

“Nós temos un compromiso coa dignidade política, coa ética e coa rexeneración”, enfatizou o líder dos socialistas galegos, quen ofreceu “gobernos con principios e responsabilidade” fronte a outro tipo de manobras.

E, ao fío disto, Gonzalo Caballero falou da “vergoña” que xera o pacto subscrito polo PP para repartir os gobernos do concello e da deputación de Ourense con Democracia Ourensana. “Feijóo dicía que Jácome era letal, e Jácome dicía que Baltar era tóxico”, recordou, e reclamou a Feijóo “valor” para explicar esa operación.

Sobre todo, como sinalou o máximo dirixente do PSdeG, porque supón “un cambio de cromos que traizoa ao electorado de Ourense”, xa que “os votantes do PP non queren a Jácome e os de Jácome non queren a Baltar”. De feito, incidiu en que este pacto fíxose “en contra dos compromisos feitos ao longo da campaña”, durante a cal ambos se proferiron todo tipo de “improperios e descualificacións”.

“Feijóo pecha o seu ciclo político cun exercicio de indignidade política e cun bochorno e un esperpento que cremos que Galicia non merece”, concluíu Gonzalo Caballero, consciente de que milleiros de ourensáns “arrepíntense” hoxe do votado.