Gonzalo Caballero ve os orzamentos da Xunta “un engano para tentar camelar aos galegos”, que “non caerán” tralos “incumprimentos” de Feijóo en 11 anos

O secretario xeral chama a “manter os avances sociais” impulsados polo goberno de Pedro Sánchez fronte ao pacto PP-Vox que ameaza “as liberdades e os dereitos”
Publicado por o día 20/10/2019 na sección de Política,PSOE

Gonzalo Caballero ve os orzamentos da Xunta “un engano para tentar camelar aos galegos”, que “non caerán” tralos “incumprimentos” de Feijóo en 11 anos

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, estivo hoxe na Coruña para presentar a candidatura dos socialistas ás eleccións xerais por esta provincia, un equipo “magnífico” que xa obtivo uns resultados “históricos” o pasado 28 de abril.

Dende o parque de Santa Margarida, o líder dos socialistas galegos trasladou ante os medios de comunicación o seu apoio aos dous policías galegos feridos nos disturbios de Cataluña e puxo en valor como o goberno de Pedro Sánchez “está actuando con proporcionalidade e serenidade nunha situación moi complexa”.

Pese a importancia da cuestión catalana, como sinalou Gonzalo Caballero, o foco de cara ao 10 de novembro sitúase en se queremos que “o país siga avanzando” da man do goberno socialista ou se entramos nunha fase de “retroceso” protagonizada por PP, Vox e Ciudadanos.

Así, evidenciou que por un lado hai un proxecto cunha axenda social, que o levou a “subir as pensións, o salario mínimo e as bolsas, a apostar a sanidade pública e a dependencia”, e que cre no dereito a interromper o embarazo, a ter unha morte digna, a que exista “igualdade real” entre homes e mulleres e a defender a memoria histórica.

“Todo aquilo que permite ter un modelo de convivencia democrática na que os avances sociais permitan que ninguén quede na cuneta”, resumiu o máximo dirixente do PSdeG, quen situou enfronte “un proxecto de dereitas que incorpora o ideario da ultradereita” e que suporá que Vox “oriente” a política do goberno de España.

“Ter a Santiago Abascal no Consello de Ministros suporá poñer en cuestión as liberdades, os dereitos e os avances sociais”, advertiu Gonzalo Caballero, antes de avanzar “unha campaña de proximidade” para falar da relevancia de “manter os avances sociais” conquistados.

ORZAMENTOS DA XUNTA

En paralelo, o secretario xeral do PSdeG abordou tamén o proxecto de orzamentos da Xunta e advertiu de que supoñen “un engano para tentar camelar aos galegos” prometendo agora “todo o que non se fixo nin se quixo facer nos 11 anos de goberno de Feijóo”.

Precisamente por eses “incumprimentos coa cidadanía galega” a través de “recortes” e de falta de compromiso tanto “coas cidades” como “co medio rural”, é polo que Gonzalo Caballero deu por feito que os galegos “non caerán” nesta nova “farsa”.

“Presentan uns orzamentos para oito meses de lexislatura que van solucionar todo”, ironizou o candidato socialista á Presidencia da Xunta, como se fose “unha carta aos Reis Magos”. Por iso, apelou a “manter a axenda de cambio” e consolidar “un novo proxecto de futuro que teña claras as prioridades de Galicia”.