Gran clausura das Escolas Deportivas e Ligas Linco organizadas polo C.B. Seis do Nadal Coia

Por o 27/05/2017 | Sección: Baloncesto,Deportes,Vigo
Gran clausura das Escolas Deportivas e Ligas Linco organizadas polo C.B. Seis do Nadal Coia

O pasado venres 26 de maio do 2017 tivo lugar a xornada de clausura da tempada 2016/2017 das Escolas Deportivas Municipais de Baloncesto e das Ligas Internas de Colexios, Ligas LINCO Concello de Vigo 2017, organizadas polo Club Baloncesto Seis do Nadal dentro do Programa Municipal de Escolas Deportivas.

A xornada comezou no Pavillón Municipal de Navia con partidos amigables entre todos os combinados das Escolas Deportivas. Tódolos xogadores e xogadoras do CEIP Seis do Nadal, CEIP Doutor Fléming, CEP Celso Emilio Ferreiro, CEIP Pintor Laxeiro, CEIP Javier Sensat e as EDM Balaídos, EDM Berbés e EDM Navia puideron despedir a tempada xogando contra os demais escolares.

Os preto de 300 xogadores e xogadoras que se reuniron no polideportivo de Navia puideron demostrar ao público todo o aprendido ao longo do curso que comezou no mes de outubro do pasado ano. Desde entón tódolos escolares aproveitaron os adestramentos semanais e as xornadas das Ligas Internas de Colexios 2017, cun total de 210 partidos na Liga Linco e 48 encontros na Liga Linco XL, para aprender e mellorar das mans dos seus adestradores e adestradoras.

Para clausurar a xornada levouse a cabo a entrega de regalos a tódolos rapaces e rapazas, así como ao grupo de árbitros das Ligas Internas de Colexios, grupo formado por xogadores e xogadoras federados de categoría cadete e júnior do Club Baloncesto Seis do Nadal Coia. No acto de clausura estiveron presentes, acompañando ao Club Baloncesto Seis do Nadal Coia, Abel Caballero, Alcalede do Concello de Vigo; Manel Fernández, Concelleiro Deportes do Concello de Vigo; Lucía Gefaell, Directora Márketing de Biscuits Galicia; Concepción Martins, Presidenta do Club Baloncesto Seis do Nadal Coia; Ramón Román, directivo do club olívico; e Sergio González, Director Deportivo da entidade.