Grande acollida das campañas de igualdade e sustentabilidade da Deputación de Pontevedra no festival o Marisquiño

Carmela Silva: ” A igualdade é a nosa sinal de identidade e na loita contra os plásticos temos un compromiso irrenunciable fronte a un problema gravísimo”
Publicado por o día 13/08/2019 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Vigo

Grande acollida das campañas de igualdade e sustentabilidade da Deputación de Pontevedra no festival o Marisquiño

O festival do Marisquiño reafirmou o seu compromiso social coa igualdade e a sustentabilidade, feito que se evidenciou coa grande acollida ás campañas que sobre estes eidos volveu desenvolver a Deputación de Pontevedra nesta cita do deporte e a cultura urbana, celebrada a pasada fin de semana.  Así, a campaña “LEMBRAEUDECIDOTIRESPECTAS” “CONTACOMIGOEURESPÉCTOTE” para previr agresións sexuais chegou neste evento dos Festivais Rías Baixas á 2.370 persoas, mentres que a iniciativa de loita contra os plásticos “Experiencias Sostibles” tamén tivo unha grande repercusión e repartiu milleiros de materiais  dos que compón a iniciativa.

No primeiro caso, a campaña para previr as agresións sexuais e, máis polo miúdo, as violacións en cita e agresións por submisión química, chegou a 2.370 persoas, das que 1.250 foron mulleres e 1.120 homes. O stand da Deputación estivo instalado durante dúas xornadas, o venres 9 e o domingo 11 de agosto, e nel se distribuíron ademais das guías informativas (2.600 en total) outros materiais, como sombreiros (1.750) e pulseiras (1.900). A grande acollida motivou que en varios momentos se produciran colas de xente no devandito posto.


En canto a campaña “Experiencias Sostibles”, que este verán pretende concienciar á poboación contra o uso indiscriminado dos plásticos, o persoal do posto informativo instalado pola Deputación no Marisquiño repartiu nunha soa xornada 2.500 folletos informativos, 100 bolsas de tea, 300 imáns e 400 ecocabichas entre as miles de persoas que se achegaron ao stand.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, estivo hoxe en Vigo precisamente para dar a coñecer esta iniciativa desde o posto instalado na rúa Príncipe, onde amosou o compromiso da institución provincial co medio ambiente e coa loita contra a contaminación.  “Esta campaña –sinalou- vai dirixida sobre todo á concienciación sobre o plástico dun só uso. O plástico pode xogar un papel moi importante de avance pero teñen que ser plásticos reciclables, de varios usos, e iso precisa de que a xente se conciencie e que tome decisións”. “Estabamos vendo canto tarda en degradarse un plástico e vai de 100 ata 500 anos –sinalou-. E, de feito, no ano 2021 a UE xa ten determinado non se van poder usar nin palliñas de plástico nin bastonciños de oído, e estarán prohibidos nin plásticos dun só uso, que fan tanto dano e que teñen constituído que haxa cinco illas de plásticos nos océanos”. Silva destacou neste senso que entre os materiais que se reparten pola Deputación nesta campaña figuran vasos elaborados con fécula de maíz e de patata, “que son biodegradables” . “Polo tanto, tamén se poden facer plásticos con produtos biodegradables”, apuntou.

 

Lembrou que esta iniciativa xa estivo presente na praia de Samil, ademais do Marisquiño e agora Príncipe, como parte da estratexia para achegar esta información aos lugares onde hai máis afluencia de persoas.

Pola súa banda, Abel Caballero felicitou á Deputación por esta campaña e sinalou que a iniciativa vai na liña tamén do Concello de Vigo de aposta pola reciclaxe coa instalación de isletas de catro contedores de plástico (2), vidro e cartón onde o ancho das rúas o permita. “Eu vou a proclamar Vigo libre de plásticos”, indicou. “A ameaza é que no ano 2050 haxa no mar máis plástico que peces, e iso é a morte deste planeta, e por iso temos que adquirir a sensibilidade na utilización dos menos plásticos posibles”, afirmou. “Significa ser capaces de reciclalos ben e facer unha utilización racional, por iso creo que esta campaña é tan importante”, engadiu.

Por outra banda, dentro desta mesma campaña de loita contra os plásticos, a Deputación repartiu 3.660 vasos reciclables no stand instalado en Tui o pasado domingo, o que amosa a grande aceptación que este material está a ter entre as persoas que se achegan ao posto informativo. Deste xeito, a institución provincial prevé incrementar o número de vasos nas vindeiras accións desta campaña.

Comentar noticia

Your email address will not be published.