Grande oferta de emprego público docente para o 2018

Oferta de 2050 prazas, unha das meirandes OPE dos últimos corenta anos en Galicia
Por o 13/02/2018 | Sección: CC.OO,Educación,Sindicatos
Grande oferta de emprego público docente para o 2018

CCOO-Ensino congratúlase polas 2050 prazas de emprego público docentes que se van ofertar no 2018. O sindicato salienta que se trata dunha das meirandes ofertas públicas (OPE) dos últimos corenta anos en Galicia, e chega como consecuencia do Acordo para o Desenvolvemento dun Plan de Estabilidade no Emprego dos Servizos Públicos, asinado por CCOO e outras organizacións sindicais, o 18 de outubro de 2017.

Nun contexto en que o Estado impón unha taxa de reposición do 100%, logrouse incrementar nun 54,2% a oferta de prazas de ingreso libre en Galicia.

CCOO-Ensino seguirá loitando pola eliminación da taxa de reposición. Mentres tanto, continuará a avanzar mediante acordos que permitan ampliar o número de prazas. Froito do devandito pacto tamén se van a ofertar 397 para promoción interna.

Por primeira vez, o número de prazas anunciadas increméntase coa negociación na mesa sectorial, tal como reclamaba CCOO-Ensino. A proposta do sindicato incluía lograr polo menos a terceira parte das prazas totais de consolidación establecidas no acordo para tres anos. Finalmente, as 581 prazas de estabilización aproxímanse moito ao dito obxectivo.

Valoración moi positiva

CCOO-Ensino valora moi positivamente a OPE. Salienta que o acordo asinado supón un incremento dun 54,2% das prazas que se ofertan como reposición.  Das 2050 prazas, pasar de 1.072 a 1.653 de ingreso libre é «unha moi boa noticia» para as opositoras e opositores. O feito de que as prazas de consolidación se elevasen de 450 a 581 é «consecuencia da negociación colectiva», salienta o sindicato.

Finalmente, esta OPE permite rebaixar nun 2% a taxa de temporalidade nunha soa convocatoria, nun contexto no que Galicia segue a ser a comunidade coa taxa máis baixa.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.