Grandes talentos e figuras emerxentes do panorama musical feminino daronse cita este xoves na nova sede da Deputación en Vigo

Publicado por o día 07/02/2020 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Vigo

Grandes talentos e figuras emerxentes do panorama musical feminino daronse cita este xoves na nova sede da Deputación en Vigo

“Hai grandes mulleres na música galega, grandes talentos, e tamén figuras emerxentes que están a despuntar con moito éxito no panorama musical feminino, e queremos visibilizalas para que as mozas que están a estudar música teñan referentes neste eido”. Así explicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o obxectivo de Talento Feminino, o festival que tivo lugar este xoves, entre as 19 e 21.45 horas, na nova sede da institución provincial en Vigo, na rúa Eduardo Chao, no corazón do Casco Vello. Xoana, Najla Shami, Wyygga e Wöyza, artistas consagradas e emerxentes da escena pop e urbana galega, interpretarón pezas reivindicativas que encheron de creatividade e compromiso a Sala Rosalía da nova sede institucional.

O festival Talento Feminino, que forma parte das actividades programadas para a inauguración da sede, é unha iniciativa da Deputación xunto coa plataforma Regalamúsica e céntrase na promoción e o apoio do talento musical feminino e na visibilización da muller na música. Neste evento as artistas Xoana, Najla Shami, Wyygga e Wöyza interpretaron entre tres e cinco pezas cada unha nas que compartiron experiencias e intercambiaron impresións sobre a música feminina en Galicia. Tamén houbo un espazo para que novos talentos e mulleres artistas en proceso de formación teñan a oportunidade de amosar toda a súa creatividade.

O festival comenzou con Xoana e Najla Shami. O álbum debut de Xoana, Dardos, foi finalista nos premios MIN da música independente ao mellor álbum en galego. Ela é unha artista reivindicativa, que leva por bandeira o idioma galego e intenta remover conciencias a través de diferentes estilos musicais para abordar cuestións coma a violencia de xénero ou a emigración.  Pola súa banda, a palestina, galega e arxentina Najla Shami, con case unha década de traxectoria ás súas costas, presentou o seu novo traballo, Ela sabe a sol, un libro-disco con temas en galego, castelán e árabe.

Posteriormente tivo lugar a actuación de Wyygga, quen forma parte da nova xeración de artistas urbanas galegas e que recentemente sacou o seu novo single, co título de Plomo y oro. Para rematar, Wöyza, unha das mulleres máis potentes da escena urbana galega, interpretou pezas do seu novo álbum Tábula rasa, con influencias de diferentes estilos musicais que abranguen desde o underground ata o soul clásico e con letras que falan de compromiso social e loita. A artista destaca tamén por ser a creadora do primeiro coro gospel de Galicia, V-Go!.

Algunhas fotos