Grazas ao BNG a Eurocámara tratará de novo a situación da Ría do Burgo e da Ría de Vigo

A eurodeputada Ana Miranda organiza unha xornada de traballo en Bruxelas para valorar os incumprimentos das recomendacións europeas sobre saneamento
Por o 17/01/2019 | Sección: BNG,Política
Grazas ao BNG a Eurocámara tratará de novo a situación da Ría do Burgo e da Ría de Vigo
Compartir en:

Da man da eurodeputada do BNG, Ana Miranda, unha delegación formada por integrantes da plataformas en Defensa da Ría de Vigo e da Confraría da Coruña participarán no Parlamento Europeo para comparecer na Comisión de Peticións e voltar tratar o estado actual do saneamento das rías galegas, concretamente o Patrón Maior da Confraria de A Coruña Felipe Canosa e o Presidente da Plataforma en Defensa da Ria de Vigo “Cies” Serxio Regueira.

“O tratamento e a calidade da auga é unha das nosas prioridades políticas e debemos esixir o saneamento integral das nosas rías, dada a súa importancia para o sector pesqueiro, marisqueiro, para o medio ambiente e o turismo”, explica Miranda. Precisamente grazas as negociacións dos últimos meses da eurodeputada galega, a Comisión de Peticións da Eurocámara volverá tratar o Informe sobre as rías galegas, resultado dunha investigación realizada por unha delegación do Parlamento Europeo en Galiza en febreiro de 2013.

Miranda propuxo reabrir este informe xa que desde esa data non se cumpriron as recomendacións europeas para levar a cabo o saneamento das rías, como por exemplo a execución do investimento suficiente por parte do goberno estatal e autonómico para acometer o tratamento integral.

“Que este tema volva á Comisión de Peticións, -cos votos en contra do PP, por certo-, é unha oportunidade de corrixir aquilo que o Partido Popular non fixo durantes estes cinco anos a respecto do saneamento integral das rías”, subliña Ana Miranda. “Os fondos para o saneamento son claramente insuficientes tamén co actual goberno estatal”, sinala ao respecto de que para a ría de Vigo, por exemplo, á consignación é de 0 euros.

Problemas nas rías do Burgo e Vigo

No tocante á situación da ría do Burgo, Miranda cualifícaa de “tremendamente grave”, xa que os problemas de saneamento implican desde hai anos un forte descenso da actividade económica pola deficiente calidade da auga e a perda continua de postos de traballo. No caso de Vigo, a eurodeputada do BNG explica ademais que aínda que efectivamente se fixo a EDAR, o saneamento da ría non está completado xa que os aliviadoiros que existen son os mesmos que había hai anos, polo que a contaminación e os vertidos seguen existindo.

Acompañan tamén a delegación a Concelleira de Coruña Avia Veira, o Concelleiro do BNG en Culleredo Antonio Chouciño así como Francisco Jorquera e Xabier Pérez Igrexas, representando ao BNG da Coruña e de Vigo respectivamente. A delegación completa participará tamén o luns despois da Comisión de Peticións nunha reunión con eurodeputados do Grupo Verdes-Alianza Libre Europea-ALE ao que pertence o BNG na Eurocámara. Ademais, a delegación realizará unha comparecencia de prensa o martes 22 no Sala de Prensa do Parlamento Europeo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.