Greenpeace e APDR, reiteran a necesidade de que se declare definitivamente nula a prórroga de ENCE-Pontevedra

A APDR e Greenpeace presentaron dous recursos diante da Audiencia Nacional para impedir que Ence Energía y Celulosa S.A. permanezan na Ría de Pontevedra outros 60 anos.
Publicado por o día 13/06/2019 na sección de APDR,Galicia,Medio Ambiente,Pontevedra,Social

Greenpeace e APDR, reiteran a necesidade de que se declare definitivamente nula a prórroga de ENCE-Pontevedra

O próximo domingo 16 de xuño unha nova mobilización recorrerá a chamada autovía entre Marín e Pontevedra contra a permanencia de ENCE na Ría. A empresa de pasta de papel debería ter abandonado os terreos de dominio público que ocupa na actualidade en xullo de 2018, como teñen sinalado as institucións xudiciais.

A fábrica de ENCE en Lourizan (Pontevedra), emprazada en terreos de dominio público, tiña a obriga de abandonar a sua ocupación na Ría en xullo do 2018, tal como esixía a Lei de Costas de 1988. Porén, a reforma da Lei no 2013 abriu a porta á ampliación das concesións e tres anos despois, en xaneiro de 2016, o goberno en funcións de Mariano Rajoy prorroga a concesión a ENCE ata 2073, unha decisión que tanto Greenpeace como a APDR consideraron cando menos irregular.

APDR e Greenpeace presentaron senllos recursos diante da Audiencia Nacional contra a amentada orden para impedir que Ence Energía y Celulosa S.A. permaneza na Ría de Pontevedra outros 60 anos. As dúas organizacións consideran que a empresa desenvolve unha actividade industrial incompatíbel co medio ambiente e que non entra dentro do grupo de usos reservados para unha posíbel prórroga en terreos de dominio público marítimo-terrestre, tal e como se establece no Artigo 31.2 da Lei de Costas polo que o Ministerio no debería tela concedido.

No 2019 o Goberno anuncia que non vai seguir adiante na defensa da prórroga da concesión de ENCE diante dos tribunais.

Segundo Antón Masa, presidente da APDR, “a decisión da Dirección General de Costas, ratificada posteriormente pola Avogacía do Estado, fundaméntase en dous argumentos inapelábeis; dunha banda, o feito de que “ningunha instalación pode permanecer en domino público máis de 75 años”, un prazo que se vería amplamente superado logo da prórroga de 60 anos a ENCE, e por outro -o que aínda resulta máis relevante- que “as prórrogas resérvanse para aquelas instalacións que pola súa natureza teñan que estar en dominio público marítimo-terrestre”, unha condición que non é de aplicación á pasteira de Lourizán”. “Greenpeace defende que a reforma da Lei de Costas realizouse en contra dun ben público e do medio ambiente, polo que a extensión da ocupación de Ence na Ría de Pontevedra durante 60 anos máis, sempre foi ilegal. Celebramos que o Estado recoñeza o valor deste terreo público e confiamos en que a xustiza e o Estado de Dereito resolvan en favor da preservación do medio ambiente”, ten declarado Paloma Nuche, responsábel da campaña de Costas de Greenpeace.

Desde Greenpeace e a APDR, animamos a toda a sociedade galega a participar na Marcha contra Celulosas do próximo domingo 16 para facer visíbel e denunciar publicamente esta inxustiza histórica en Pontevedra. Así mesmo, ambas as dúas organizacións demandan á Xunta de Galicia que o novo Plan Forestal deixe de favorecer á industria celulósica e estableza unha moratoria de novas plantacións do xénero Eucalyptus, como xa demandaron numerosas forzas sociais e políticas galegas.