Greenpeace esixe a PSA acelerar a produción de vehículos cero emisións para protexer os máis de 5000 empregos directos da factoría viguesa

O Grupo PSA é o 9º fabricante de coches que máis CO2 emite

A pegada carbónica da industria do automóbil representa o 9 % das emisións globais de gases de efecto invernadoiro, segundo un novo informe de Greenpeace [1]. Este estudo cuantifica as emisións dos vehículos fabricados en 2018 durante todo o seu ciclo de vida, e responsabiliza a inacción dos fabricantes á hora de cumprir cos compromisos de redución de COfixados pola ONU.

O informe “Aceleradores do cambio climático: as marcas de coches máis contaminantes” analiza as 12 principais compañías e o seu impacto no clima [2]. Dentro dos 12 fabricantes máis “sucios”, o meirande emisor é o grupo Volkswagen (fabricante de SEAT, Škoda e Audi) o cal, en conxunto con Renault-Nissan, Toyota, General Motors e Hyundai-Kia completan o ‘top 5’ dos máis contaminantes da industria do automóbil. O Grupo PSA, que integra marcas como Peugeot, Citroën e recentemente Opel, vendeu 4 millóns de vehículos en 2018, un de cada dez producidos en Vigo. Estas cifras colocan as marcas do grupo como o noveno fabricante máis contaminante na clasificación elaborada por Greenpeace.

A industria do automóbil está lonxe de cumprir os obxectivos de redución de emisións fixados pola ONU e a Unión Europea. As escasas melloras grazas a eficiencia e os novos modelos son anuladas pola constante promoción de coches máis grandes como os SUV, máis contaminantes polo seu peso e dimensións En Europa, a cota de mercado de SUV cuadriplicouse na última década, en canto nos Estados Unidos case acadou o 70 % en 2018.

A inacción da industria do automóbil limita a cidadanía para elixir un transporte limpo e menos pernicioso para a saúde e o clima”, afirma Adrián Fernández, responsábel de mobilidade de Greenpeace, que vencellou as más cifras de vendas coa incerteza sobre o futuro do automóbil. “A xente busca modelos limpos e libres de restricións a longo prazoen canto as marcas seguen a apostar por motores de combustión contaminantes disfrazados como ECO”, engade Fernández.

Greenpeace demanda un futuro ‘cero emisións’ para PSA en España

Para cumprir o obxectivo do Acordo de París de 1,5 ºC, Greenpeace demanda os gobernos e os fabricantes acabaren para 2028 coa venda de vehículos diésel e gasolina, mesmo híbridos. En 2018, o Goberno de España anunciou a súa intención de prohibir a súa venda para o ano 2040, uníndose deste xeito á cada vez meirande lista de países reflectida por Greenpeace no seu mapa da fin dos coches diésel e gasolina.

Esta medida foi moi contestada polas marcas do sector, ata o punto de ser eliminada a palabra “prohibición” nos plans de España. Greenpeace advirte das consecuencias que a falta de innovación pode provocar nun sector moi dependente do mercado exterior, o cal demanda cada vez máis vehículos limpos e cero emisións. No que vai de ano as exportacións de PSA descenderon un 24 % en Vigo, planta que arrastra un ERE desde o ano pasado.

A recente incorporación de vehículos 100 % eléctricos nos modelos que PSA fabrica en España (como o Opel Corsa ou o novo Peugeot 2008) colocan as factorías do grupo na boa dirección. Mais para Greenpeace esta evolución é insuficiente, xa que ata 2025 non estarán dispoñíbeis en todos os modelos, namentres a fabricación de diésel e gasolina prolongarase sen data final definida.

Por isto, Greenpeace considera que PSA debe acelerar os seus plans de electrificacións, aproveitando que as novas plataformas de produción multienerxía instaladas en Vigo xa permiten producir vehículos máis limpos. Unha mudanza necesaria non só para cumprir cos obxectivos de emisións, mais tamén para evitar a obsolescencia dunha marca que crea máis de 5000 empregos directos en Vigo.

Este informe preséntase ás portas do Salón Internacional do Automóbil de Frankfurt, que reúne a grandes fabricantes e políticos na maior exposición do mundo. O 14 de setembro Greenpeace asistirá con outros grupos a unha marcha masiva á entrada do Salón, esixindo unha rápida transición a un transporte sustentábel.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM