Greenpeace organiza en Vigo unhas xornadas alternativas ao consumismo para reinventar o modelo de cidade

A organización ecoloxista desenvolve a cuarta edición de HAZ, un evento a nivel internacional, no que se organizan obradoiros sobre creación, reutilización, reciclaxe e reparación de produtos como alternativas ao hiperconsumo do Nadal
Publicado por o día 15/12/2020 na sección de Galicia,Hoy por ti,Medio Ambiente,Social,Vigo

Greenpeace organiza en Vigo unhas xornadas alternativas ao consumismo para reinventar o modelo de cidade

O grupo de voluntariado de Greenpeace en Pontevedra/Vigo organiza a cuarta edición do evento Haz por Vigoco obxectivo de promover alternativas creativas ao consumismo e accións máis respectuosas co  medio ambiente como desenvolver, compartir, intercambiar ou reparar. As xornadas, que terán lugar a vindeira fin de semana, enmárcanse no evento Make Smthng Week, un festival internacional de creación, que desafía a cultura consumista e se celebra cada ano ao redor das datas do Black Friday e as compras do Nadal.

O evento comezará o vindeiro venres, 18 de decembro, ás 17:00  h. cun obradoiro sobre reparación de bicicletas, para continuar con outro sobre cooperativismo e autoconsumo enerxético, contacontos, composteiros urbanos e eivas ambientais da ría de Vigo. O sábado, 19 de decembro, en sesións de mañá e tarde, desenvolveranse até unha decena de obradoiros, que tratarán desde a electricidade e a reciclaxe de lixo electrónico, a moda sostíbel, a elaboración de xabóns, os alimentos sostíbeis ou as alternativas de economía circular e a soberanía alimentaria na periferia da cidade. Ao tempo, nas instalacións da Escola de Deseño Aula D poderanse visitar dúas exposicións, unha realizada con lixo electrónico e outra sobre os fondos da ría, amais de contar cun espazo de audiovisuais centrado nas accións e actividades de Greenpeace e outro sobre a natureza dos fondos mariños en Vigo.

A nova edición de Haz por Vigo terá lugar integramente na Escola de  Deseño Aula D (Rúa Elduayen, nº36 -1) o venres 18 pola tarde e o sábado 19 en sesións de mañá e tarde, combinando as modalidades presencial e en liña para cumprir coas normas sanitarias. A modalidade presencial require de inscrición previa, que se pode realizar ben cubrindo este formulario, ben enviando un correo electrónico a hazgppontevedra@gmail.com, indicando nome completo, teléfono e listaxe de obradoiros que lle interesan a cada persoa.

Desde Greenpeace lémbrase que o mundo é cada vez máis urbano, o que constitúe un reto ambiental sen precedentes. Transformar as cidades e mudalas en espazos máis seguros e sustentábeis é un dos grandes retos da humanidade este século e Vigo debe ser o espello doutras cidades, o exemplo de como artellar e cohesionar un territorio e as súas xentes facendo da sustentabilidade o seu eixo de progreso.

Cómpre redeseñar e repensar as nosas cidades para orientalas para as persoas que viven nelas. As cidades poden e deben constituír espazos máis resilientes e sostíbeis para axudar tamén a frear o cambio climático e a perda de biodiversidade”, afirmou Alejandro Vilela, portavoz de Greenpeace.

É por isto que esta nova edición de Haz por Vigo caracterízase pola colaboración de numerosos colectivos e movementos urbanos que traballan en diferentes eidos, como os espazos públicos, a enerxía, a mobilidade, o consumo, a alimentación e a moda, para apostar por un modelo de cidade sustentábel.

A programación completa é a seguinte:

VENRES 18 (tarde)

17:00 – 19:00: Mantemento e reparación básica da bicicleta (AGDP, A Golpe de Pedal).
17:30 – 18:00: Como podes consumir a túa propia enerxía limpa? (Nosa Enerxía).
17:30 – 18:30: Contacontos “Os nosos bosques” (Miudiño S. Coop. Galega).
18:30 – 19:30: Composteiros urbanos (Greenpeace Galicia).
20:00 – 21:00: As ameazas dos fondos da ría e o noso papel para cambialas. Un percorrido visual pola situación do mar (13 Grados).

SÁBADO 19 (mañá)

10:00 – 11:00: Electricidade: como cambiar un interruptor (Greenpeace Galicia).
10:30 – 12:00: Cociña: empanada de millo (Julián Sio – O Muíño da Espelta).
11:00 – 12:00: Contacontos solidario (AIDA Books).
12:00 – 13:00: Reciclaxe de lixo electrónico (RetroGalaicos).

SÁBADO 19 (tarde)

16:30 – 18:30: Mantemento e reparación básica da bicicleta (AGDP).
17:00 – 18:00: Moda sostíbel galega: xuntas por un téxtil máis ético (Fento).
17:00 – 19:00: Economía circular e soberanía alimentaria (Epona Terra e A Sabia).
18:00 – 19:00: A produción sostíbel no téxtil e complementos. A experiencia india de Oxfam Intermón.
19:00 – 20:00: Elaboración de xabóns e aproveitamento no fogar (Zeltia y Marga).
20:00 – 21:00: #REinventa_Vigo. Mudar o modelo de cidade (Greenpeace Galicia).