Gregorio Agís: “Resolvemos un problema histórico que viña sufrindo a veciñanza e que foi provocado hai máis dunha década por unha obra moi mal executada”

Gregorio Agís: “Resolvemos un problema histórico que viña sufrindo a veciñanza e que foi provocado hai máis dunha década por unha obra moi mal executada”
Publicado por o día 14/01/2021 na sección de Deputación de Pontevedra

Un investimento conxunto de 311.000 euros da Deputación de Pontevedra e o Concello de Meis permitirá a humanización do primeiro tramo da estrada EP-9402 Mosteiro-Barrantes e, ademais, a solución ao grave problema dos asolagamentos nun tramo desta vía. A Deputación vén de sacar a licitación a súa parte do convenio asinado o pasado mes de outubro. As empresas interesadas teñen ata o próximo día 26 para presentar ofertas ás obras de seguridade viaria, valoradas en 217.606 euros, mentres que ao Concello correspóndelle afrontar, con outros 93.000 euros, os traballos de canalización das augas pluviais e a integración urbanística do Mercado de Abastos.

O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, e a deputada Victoria Alonso visitaron hoxe a zona xunto coa alcaldesa, Marta Giráldez, e concelleiras de Meis. Agís destacou que con estas obras “resólvese un problema histórico, que a veciñanza levaba moitos anos sufrindo, e que foi case o primeiro que o Concello de Meis lle pediu á presidenta, Carmela Silva”. “Neste tempo acordamos a sinatura dun convenio, encargamos o proxecto e hoxe podemos dicir que xa está en fase de licitación e que en breve comezarán unhas obras que teñen un prazo de execución de catro meses”. “Resolvemos así un problema histórico nesta estrada que viña sufrindo a veciñanza e que, ademais, foi causado hai máis dunha década, por unha obra moi mal executada”.

Agís expresou a súa satisfacción por poder confirmar unha mellora que cumpre un dobre obxectivo, dado que por un lado completa as obras realizadas na praza de España con cargo ao Plan de Reequilibrio (que xa supuxeron un investimento próximo aos 300.000 euros) e, ao tempo, resolve o problema de seguridade viaria xerado polo empozamento da estrada.

A alcaldesa, Marta Giráldez, amosou a súa satisfacción pola licitación dunha obra tan agardada e que cualificou como “un asunto moi importante para Meis”. Así non dubidou en ironizar asegurando que este punto da estrada provincial “era a piscina municipal; nin sequera tiña que chover moito para que se formara unha gran balsa de auga, na que mesmo teñen quedado coches asolagados”. “Esta estrada”, lembrou, “foi obxecto dunha obra na anterior etapa da Deputación e non quedara ben executada e, menos mal que agora temos unha Deputación con sensibilidade para humanizar toda esta rúa, conectala coa praza e, de paso, resolver este asunto”. Giráldez agradeceu o compromiso da presidenta, Carmela Silva, “que foi sensible co problema e fixo posible que en pouco tempo haxa feitos”.

Giráldez explicou que o Concello de Meis xa se puxo mans á obra coa instalación das novas canalizacións de augas pluviais, que veñen de rematarse moi recentemente gracias á colaboración dos veciños, que cederon os terreos necesarios para desaugar nun regato próximo. Ademais, están a piques de comezar as obras de integración do Mercado de Abastos na praza de España, abrindo así todo o entorno e á veciñanza.

Plataforma de convivencia nos primeiros 70 metros

As obras na EP-9402 abranguerán un tramo de 250 metros de lonxitude e suporán unha importante transformación na estrada actual, que carece de beirarrúas nunha das súas marxes nos primeiros 70 metros. Este primeiro sector será transformado nunha plataforma de preferencia peonil, dando continuidade ao tratamento da praza de España. Os espazos exclusivos dos peóns estarán pavimentados con lousas de pedra, mentres que o espazo onde se permitirá o paso regulado dos vehículos quedará pavimentado con lastros.

O resto do ámbito, entre os PQ 0+070 e  0+250, será acondicionado para incorporar un paso de peóns sobreelevado,   elementos   de   sinalización,   iluminación  e integración ambiental. Este segundo tramo , onde xa están canalizadas as augas pluviais (cos seus correspondentes sumidoiros para o correcto drenaxe da estrada), incluirá tamén o soterramento das redes de electricidade e alumeado público, contemplándose a maiores a renovación das luminarias en todo o treito para mellorar a eficiencia enerxética con luces led. Quedarán así resoltas todas as deficiencias actuais.