Greve estudantil? Denunciamos a instrumentalización partidista que hoxe pretende facer o Sindicato de Estudantes do feminismo #10M

Publicado por o día 10/05/2018 na sección de Social

Greve estudantil? Denunciamos a instrumentalización partidista que hoxe pretende facer o Sindicato de Estudantes do feminismo #10M

Comunicado de Erguer Vigo

O pasado 27 de abril, fíxose pública a sentenza do Tribunal de Navarra polo caso de «La Manada». Unha sentenza ridícula e en absoluto proporcionada da cal moitas mulleres fixemos a lectura de que estabamos totalmente desprotexidas e os nosos agresores totalmente impunes, «se nos resistimos, mátannos; se non nos resistimos, non nos cren».

Isto espertou unha nova onda de indignación que levou, xa en varias ocasións, a milleiros de persoas ás rúas en todo o Estado español para apoiar á vítima de «La Manada» e a todas as mulleres que sofren a violencia machista, e para denunciar aos agresores máis a desfasada xustiza española. Na Galiza, máis concretamente na cidade de Vigo, a resposta ao chamamento das organizacións feministas foi masiva, tanto que a moitas nos lembrou as mobilizacións do 8M. Tal foi a forza destas mobilizacións que se realizará unha revisión dos delitos sexuais no Código Penal, se ben é certo que o Comité que fará esta revisión vai estar conformado exclusivamente por homes…

Desde Erguer e como estudantes organizadas, celebramos esta grandísima forza de solidariedade e non queremos deixar de denunciar esta e todas as agresións que sufrimos día a día como mozas e como estudantes. Acreditamos na organización do estudantado para dar voz aos nosos problemas, para loitar e poder mellorar o noso ensino, para axudar ás nosas compañeiras; só a través da organización podemos conseguir os nosos obxectivos: un ensino público de calidade, galego, democrático, científico e, por suposto, antipatriarcal. Estas son as funcións e os fins dunha organización estudantil.

Precisamente, por estes motivos e polos que falaremos máis adiante, Erguer non secundará nin participará na folga estudantil convocada polo Sindicato de Estudiantes pola sentenza de «La Manada». Este foi un caso moi mediático (sobre todo trala sentenza), que tocou moitísimas sensibilidades, puxo sobre a mesa as agresións machistas e a violencia patriarcal e que tamén puxo de manifesto o gran poder de convocatoria que ten o feminismo neste momento. É neste contexto no que o Sindicato de Estudiantes decide non quedar sen sacar tallada e facendo mostra máis unha vez do seu flagrante oportunismo, decide convocar unha folga contra esta sentenza, actuando unha vez máis de costas aos ritmos galegos, sen contar cos movementos organizados no país, tanto feministas como estudantís, para beneficio da organización o non do movemento, tal e como levan demostrando en todos estes anos de accións paracaidistas..

Nós, desde Erguer, non imos ser cómplices deste exercicio de demagoxía e falsa solidariedade. Tampouco imos ficar caladas tendo en conta a gravidade e a seriedade deste caso. Hai outras formas de actuar e de traballar (sobre todo sendo organizacións estudantís). Xa houbo convocatorias por parte do feminismo organizado galego das que puideron ser partícipes, tamén hai moito traballo que facer que incida na seguridade das rapazas e que introduza novos modelos de masculinidades nos rapaces, debemos conseguir a introdución da ensinanza afectivo-sexual e tamén estar aí para denunciar a aqueles profesores misóxinos e un longo etc. Animamos ao Sindicato de Estudiantes e a súa facción Libres y Combativas, a comezar a traballar nos espazos propios que as galegas construimos para avanzar na consecución de dereitos (para as estudantes, para as mulleres, para as traballadoras) e a abandonar prácticas que paternalizan e desmobilizan a moitas mozas e adoitan boicotear o traballo que realizamos desde a Galiza.

Non imos calar, non imos deixar que se utilice o feminismo, nin o sufrimento dunha rapaza, nin o medo das mulleres por intereses partidarios.