O grupo de danzas Queixumes dos Pinos inaugura nova sede tras 23 anos de existencia a prol do folclore popular galego

A asociación folclórica de exaltación e fomento da cultura galega Queixumes dos Pinos inaugurou a súa nova sede, emprazada na rúa Nosa Señora da Saínza da capital ourensá
Publicado por o día 27/03/2017 na sección de Cultura,Galicia,Ourense,Vigo,Xunta de Galicia

O grupo de danzas Queixumes dos Pinos inaugura nova sede tras 23 anos de existencia a prol do folclore popular galego

A asociación folclórica de exaltación e fomento da cultura galega Queixumes dos Pinos inaugurou a súa nova sede, emprazada na rúa Nosa Señora da Saínza da capital ourensá, logo de permaneceren máis de 20 anos no barrio do Couto. A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, asistiu, acompañada da xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Luz Fernández Quintas, ao acto de inauguración que contou coa presenza de numerosas personalidades da vida social, cultural e política ourensá.

Díaz Mouteira recoñeceu publicamente o labor desenvolvido por este grupo de danzas a prol do folclore tradicional galego e desexoulle moitos éxitos nesta nova etapa que comeza, coincidindo co traslado do seu local.

A delegada territorial eloxiou este tipo de iniciativa cultural e salientou que “ao longo dos vinte tres anos da traxectoria desta agrupación, traballaron arreo para amosar espectáculos folclóricos por diversos países do mundo e conseguiron converterse en auténticos embaixadores da tradición cultural do noso país, levando o nome de Ourense e Galicia como bandeira ”. Por esta razón, o Goberno galego colabora periodicamente desde distintos departamentos autonómicos, con achegas económicas, coas actividades programadas por esta asociación folclórica.

Queixumes dos Pinos naceu no ano 1994 no concello ourensán de Pereiro de Aguiar. Na actualidade, o grupo conta cunha escola de danza formada por 300 alumnos de diferentes idades e niveis, e imparte as súas clases en distintas asociacións da capital ourensá e da súa provincia.

O grupo titular desta agrupación folclórica está formado por 45 componentes, con idades comprendidas entre os 14 e os 35 anos. Deles, 7 forman o corpo musical e 38 o grupo de danza. Ademais, contan cun grupo de 18 pandereteiras e pandereteiros.

Segundo o director deste grupo de danzas, Jose Antonio Viñas, desde as súas orixes ata a actualidade, máis de dous mil alumnos aprenderon os segredos do folclore tradicional galego e contribuíron a difundilo por numerosos países do mundo.

O acto de inauguración contou cunha actuación de Queixumes dos Pinos e de Sons do Miño, ademais dunha representación teatral.