O grupo municipal da Marea de Vigo rexistra unha moción en apoio ás reivindicacións do persoal de xustiza, hoxe no seu noveno día de folga

Rubén Pérez: “ Esta situación é froito do inmobilismo irresponsable do goberno da Xunta que, lonxe de afrontar a realidade, ningunearon sistematicamente a representación sindical do sector, que alertaba da situación discriminatoria do persoal de xustiza de Galicia con outras comunidades”.
Publicado por o día 19/02/2018 na sección de Marea Vigo,Política

O grupo municipal da Marea de Vigo rexistra unha moción en apoio ás reivindicacións do persoal de xustiza, hoxe no seu noveno día de folga

Para a Marea de Vigo, a situación denunciada polas oito centrais sindicais que convocan a folga, vén dada exclusivamente pola ausencia de resposta por parte do goberno autonómico ás demandas que, dende hai anos, veñen denunciando os cadros de persoal dos xulgados galegos a través das súas representacións sindicais. Esta falta de resposta, segundo denuncia Marea de Vigo na súa moción, “foi acompasada cunha degradación do sistema público de administración de xustiza en canto a tempos de tramitación, número de salas de xulgados nas cidades e vilas do país e especialmente en canto á adecuación dos cadros de persoal necesarios nos centros de traballo e mesmo os dereitos laborais dos mesmos.”

“Estamos asistindo, unha vez mais, á criminalización dos traballadores e traballadoras por exercer o seu lexítimo dereito á folga. O goberno da Xunta está levando a cabo a estratexia comunicativa apropiada cara a poñer a opinión pública en contra dos cadros de persoal dos xulgados – afirma Rubén Pérez – as reivindicacións do persoal están directamente relacionadas coas carencias da organización actual e, lonxe de residir en reivindicacións unicamente salariais, radican noutras medidas relacionadas coas substitucións, as amortizacións ou as incapacidades temporais, así como as dotacións actuais dos xulgados en canto a salas ou convocatorias públicas de emprego”

Marea de Vigo, dentro dos acordos propostos na moción, solicita o apoio e a solidariedade do Concello cos cadros de persoal dos xulgados na loita polos seus dereitos e por unha administración de xustiza con recursos para a súa eficiencia así como a denuncia tamén por parte do concello, da discriminación que sofren os e as traballadoras de xustiza de Galicia respecto ás doutras comunidades. Do mesmo xeito, solicita se inste á xunta, por unha banda, ao estabelecemento dunha canle de negociación adecuada coa representación sindical e pola outra, é reversión das externalizacións na administración de xustiza.