Grupo Popular apoia que no vindeiro cumio hispano-luso se acorde modernizar conexión ferroviaria Vigo – Porto

O portavoz de Infraestruturas explicou que as actuacións previstas por Portugal ata 2020 “non afectan ao trazado, que é o factor que limita a velocidade dos trens”.
Por o 15/03/2017 | Sección: Partido Popular,Política,Vigo
Grupo Popular apoia que no vindeiro cumio hispano-luso se acorde modernizar conexión ferroviaria Vigo – Porto
Compartir en:

O Grupo Popular apoiou esta mañá no Parlamento unha proposición non de lei a través da que se solicita que o Goberno central inclúa no vindeiro cumio hispano-luso un acordo sobre a modernización da conexión ferroviaria entre Vigo e Porto antes de 2020. En concreto, demándase o impulso do proxecto da saída sur de Vigo, unha alternativa ao paso da vía férrea por Porriño ou a mellora da seguridade do trazado suprimindo os pasos a nivel.

O portavoz de Infraestruturas, Martín Fernández Prado, lembrou que a Xunta de Galicia e o PPdeG “sempre promoveu a mellora das conexións ferroviarias entre Galicia e a rexión norte de Portugal”.

“Deste xeito, defendemos a prolongación da actual liña de alta velocidade A Coruña-Vigo cara a Portugal”, engadiu.

CONDICIÓNS HOMOXÉNEAS

Fernández Prado explicou que as actuacións previstas por Portugal no horizonte do ano 2020 consisten “nunha modernización da liña do Miño, que non afecta ao seu trazado, que é o factor que limita a velocidade dos trens a, como moito, 160 quilómetros por hora, polo que a liña española carecería de continuidade de trazado e de nivel de servizo”.

“Por este motivo, consideramos lóxico que se complete a modernización, sinalización e electrificación desta vía ferroviaria nunhas condicións homoxéneas a ambos lados do Miño”, manifestou o portavoz popular, quen engadiu que “a iniciativa de Portugal ten como obxectivo neste momento unha modernización que non pode compararse tecnicamente coa que se ten levado a cabo na liña Vigo-A Coruña”.