Grupo Popular felicita ás xogadoras do Club de Fútbol femenino LEIS de Pontevedra despois de recibir as cartas de liberdade, logo das denuncias por acoso sexual

Publicado por o día 09/04/2015 na sección de Podemos,Política

Grupo Popular felicita ás xogadoras do Club de Fútbol femenino LEIS de Pontevedra despois de recibir as cartas de liberdade, logo das denuncias por acoso sexual

– A portavoz de Igualdade, Rosa Oubiña, destacou que a Xunta “actuou desde o primeiro momento en que tiveron coñecemento deste caso e fixeron todo o que puideron dentro das súas competencias”.

– Oubiña criticou que os grupos da oposición votaran en contra no Pleno do Parlamento do mes de marzo unha proposición non de lei do Grupo Popular que solicitaba á Xunta promover a prevención da violencia, acoso e abuso sexual no deporte.

A portavoz de Igualdade do Grupo Popular, Rosa Oubiña, felicitou as xogadoras do Club de Fútbol feminino Leis de Pontevedra porque esta tarde recibirán as cartas de liberdade, logo das denuncias por acoso sexual que formularon e que na actualidade se atopan en vía xudicial.

Nun debate celebrado esta mesma tarde no Parlamento, Rosa Oubiña destacou que a Xunta de Galicia, tanto a través da Secretaría Xeral de Igualdade como da Secretaría Xeral para o Deporte, “actuou desde o primeiro momento en que tiveron coñecemento deste caso e fixeron todo o que puideron dentro das súas competencias”.

A XUSTIZA INVESTIGA E DIRIME RESPONSABILIDADES

Neste sentido, lembrou que os responsables de ambos departamentos do Goberno galego “compareceron no Parlamento para dar explicacións en relación a este caso, onde deixaron claro que non teñen capacidade investigadora nin capacidade sancionadora”. “Este tipo de condutas constitúen un delito tipificado no Código Penal, polo que é a Xustiza a que ten que investigar e dirimir as responsabilidades penais.

A portavoz popular criticou que no Pleno do Parlamento celebrado o pasado mes de marzo os grupos da oposición votaron en contra dunha proposición non de lei defendida polo Grupo Popular a través da que se solicitaba á Xunta promover a prevención da violencia, acoso e abuso sexual no deporte desde a infancia, así como elaborar un novo protocolo para previr posibles situacións de acoso e abuso sexual dirixido a deportistas e aos profesionais do ámbito deportivo.

PRENSA GRUPO POPULAR GALICIA