Guadi Galego esta tarde no Valle Inclán no Cántamo en Galego

A cantante manterá un encontro coa xornalista Susana Pedreira sobre o seu novo traballo “Inmersión”.
Publicado por o día 11/11/2019 na sección de Galicia,Pontevedra

Guadi Galego esta tarde no Valle Inclán no Cántamo en Galego

O concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña Piai, asistirá esta tarde, ás 17 horas ao faladoiro de Susana Pedreira con Guadi Galego no salón de actos do IES Valle Inclán de Pontevedra. Guadi Galego está a presentar o seu novo traballo, Inmersión. Ao encontro asistirán estudantes do centro de 2º, 3º e 4º da ESO e tamén estará aberto ao público. Ao remate da entrevista, as e os estudantes terán a oportunidade de facer preguntas a Guadi Galego e de escoitar algún tema en directo e acústico. Nos vindeiros días estará dispoñible na Rede o podcast da entrevista.

Esta é a segunda vez que Guadi Galego participa no Cántamo. En novembro do ano 2016 estivo no IES Luís Seoane falando do seu traballo O mundo está parado. Nacida en Cedeira, Guadi comezou a súa andadura no mundo da música como gaiteira, pianista e vocalista no grupo Berrogüetto ata xaneiro de 2008. Tamén traballou con Guillerme Fernández, Xabier Díaz e Xosé Lois Romero en proxectos musicais de grande éxito como Espido (2005), aCadaCanto (2012) ou Músicas de Salitre (2013).

A entrevista encádrase dentro do proxecto Cántamo en Galego!, para o que a Concellaría de Normalización Lingüística colabora con Onda Cero Radio. O obxectivo desta actividade é fomentar o uso do galego entre a mocidade a través da música.

Pasaron polas sesións en directo do Cántamo De Vacas, Sés, Caxade, Superoito, Dakí Darría, García MC, Mónica de Nut, Lydia Botana-Bolboreta, Heredeiros da Crus, Uxía e Narf, Eladio (de Eladio y los Seres Queridos), Davide Salvado, SoniaLebedinsky, Xabier Díaz, Mercedes Peón, Rosa Cedrón e Xosé Manuel Budiño.