H2040 estréase no campus de Vigo con actos en Filoloxía e Tradución e Económicas e Empresariais

Cunha aposta firme pola xestión dende o punto de vista dos recursos humanos
Publicado por o día 07/04/2018 na sección de Universidade de Vigo

H2040 estréase no campus de Vigo con actos en Filoloxía e Tradución e Económicas e Empresariais

O candidato a reitor de H2040, Pachi Reigosa, acompañado por parte do seu equipo, celebrou este venres os primeiros actos de campaña no campus de Vigo. Tras as presentacións de mércores e xoves en Ourense e Pontevedra, hoxe foi a quenda das facultades de Filoloxía e Tradución e de Ciencias Económicas e Empresariais. Neste último centro, o catedrático de Fisioloxía Vexetal mantivo unha xuntanza con representantes sindicais e posteriormente deu a coñecer o programa electoral e as e os candidatos para as vicerreitorías. Reigosa destacou principalmente a súa aposta polas persoas, por desenvolver unha estratexia que permita afrontar o envellecemento do cadro de persoal, que conta cunha idade media elevada. “Debemos apostar pola contratación de profesorado novo, pola retención e captación de talento e pola promoción real das persoas acreditadas”, así como pola estabilidade do PAS e a recuperación salarial de todos os sectores. Segundo o candidato a reitor, o seu é un programa que fai “énfase nos recursos humanos e non nos edificios”.
Outro dos puntos clave da súa proposta electoral pasa pola “simplificación da burocracia”, por reducir os trámites, por crear oficinas que axuden ao PDI a facerlle fronte a procesos administrativos e por implantar a administración electrónica. No referente á docencia, recalcou a súa proposta de establecer un POD cun límite máximo de 280 horas, “coa idea de ir baixándoo ata 240”.

Xestión económica e alumnado

Dende o punto de vista da xestión económica, Reigosa fixo fincapé nos compromisos da súa candidatura, como impulsar a sostenibilidade financeira para que se poidan manter as liñas estratéxicas de futuro ou instaurar mecanismos de transparencia económica-financeira. Resaltou tamén a súa aposta por descentralizar a xestión nos centros, servizos e unidades e por negociar con firmeza coa Xunta de Galicia unha financiación suficiente en defensa dos intereses da Universidade, así como racionalizar o gasto e a optimización dos recursos mantendo a calidade dos servizos e impulsando novas vías de captación de recursos financeiros.

Co foco posto no alumnado, Reigosa e o seu equipo subliñaron a necesidade de recuperar a ilusión e o orgullo de pertencer á Universidade de Vigo. “É necesario ofrecer unha formación integral e complementaria, involucralos na vida da Universidade e nos seus órganos de Goberno, temos que revitalizar o Claustro e intensificar a relación coas e cos egresados”. A isto engadiron a creación dun plan de captación de estudantado nacional e internacional e un programa para incrementar as relacións coas empresas para mellorar a empregabilidade e facilitar a integración laboral.
Tras a presentación do candidato, as e os vicerreitores explicaron as que serán as súas liñas de traballo se acadan o goberno universitario. Entre outras, destacaron a necesidade de internacionalización da docencia e da investigación, potenciación da imaxe de marca da institución, recuperación de Feuga como vía de xestión de proxectos con empresas, implantación de enerxías renovables e o deseño de Smart campus, e a negociación dunha nova RPT do PAS. En resumo, explicaba o candidato, “queremos recuperar a ilusión e apostar polo diálogo e a negociación para un cambio de rumbo real”.