Hakan Hardenberger, un dos mellores trompetistas do mundo, dirixe mañá a Real Filharmonía de Galicia

Publicado por o día 11/12/2013 na sección de Cultura

Hakan Hardenberger, un dos mellores  trompetistas do mundo, dirixe mañá a Real Filharmonía de Galicia

  O sueco Hakan Hardenberger, considerado un dos mellores trompetistas do mundo, dirixirá mañá a Real Filharmonía de Galicia a partir das 20.30 h no Centro Cultural da Fundación Novacaixagalicia en Vigo. O programa inclúe obras de Bach, Haydn, Gruber e Poulenc. Nel interpretaranse varios solos de trompeta nos que o público poderá apreciar o virtuosismo do sueco con este instrumento. As persoas que van asistir ao concerto poderán participar na sala de conferencias do propio Centro Cultural nun encontro co mestre a partir das 20.00 h no que Hakan Hardenberger responderá as preguntas que lle queiran formular.

   A primeira parte do concerto comezará coa Suite núm. 3 en re maior BWV 1068 de Johann Sebastian Bach, unha suite orquestral de estilo francés que consta dunha abertura con tres seccións e unha sucesión de danzas. O programa continúa co Concerto para trompeta e orquestra en mi bemol maior, Hob. Vlle/1 que compuxo Joseph Haydn cando tiña 64 anos, a petición do trompetista e creador da trompeta de chaves, Anton Weidinger, e que se estrea por vez primeira en España.

   A segunda parte do programa iniciará con 3 MOB Pieces, que precisamente escribiu o seu autor para Hakan Hardenberger no ano 1977. Heinz Karl Gruber presenta baixo unha perspectiva contemporánea a gran tradición vienesa, clásica e popular, inspirándose no cabaré da República de Weimar, combinado a miúdo cun humor negro e irreverente. A obra que interpretarán no concerto de mañá está inspirada nun amplo abano musical que vai desde o Neoclasicismo de Stravinski ata os Beatles, pasando pola música de cabaré, como a define o seu autor “é unha obra que procura o denominador común entre as persoas que asisten con regularidade aos concertos e aqueles que o fan por vez primeira”. A segunda parte do concerto pecharase coa Sinfonietta do compositor francés Francis Poulenc, digna herdeira da Sinfonía en do maior de Bizet, que comeza con un impulsivo ritmo stravinskiano e dá paso a unha serie de temas lixeiros e melancólicos, sen medo a cruzaren a liña do sentimentalismo, e remata con un Finale de movemento enérxico que evoca o cabaré de París, nunha conclusión desenfadada.

   O director e solista Hakan Hardenberger comezou a estudar trompeta con tan só 8 anos. Actualmente está considerado un dos mellores solistas deste instrumento no mundo e non só polo seu excelente virtuosismo: ademais do repertorio clásico, Hardenberger é o máis notable precursor das obras contemporáneas de trompeta. Actúa habitualmente coas principais orquestras do mundo, como a Filharmónica dos Ánxeles, a Sinfónica de Chicago, pasando pola Sinfónica de Londres, a Filharmónica de Viena ou a Filharmónica de Estocolmo, entre outras. No seu repertorio destacan varias obras escritas para el e gañadoras de concursos de compositores como Sir Harrison Britwistle, Hans Werner Henze, Olga Neuwirth ou Mark-Anthony Turnage. Posúe, ademais, unha extensa discografía que, na súa última produción inclúe traballos coa Academia de St Martin, melodías pop e un concerto para trompeta coa Sinfónica de Gotemburgo.

  A Real Filharmonía de Galicia A Real Filharmonía de Galicia iniciou a súa actividade en 1996 no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, onde presenta a súa tempada estable de concertos. O seu primeiro director titular foi Helmuth Rilling (1996-2000), a quen sucedeu Antoni Ros Marbà (2000-2012). Actualmente, Paul Daniel é o seu director titular e artístico.

  Á parte do mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado e vinculado á RFG desde o seu inicio, e de Christoph König, principal director invitado, tamén dirixen a orquestra outros directores como Frans Brüggen, Juanjo Mena, David Afkham ou Hansjörg Schellenberger, entre outros. Do mesmo modo, xunto á RFG actuaron os mellores intérpretes, por exemplo Frank Peter Zimmermann, Daniel Hope ou Vadim Repin (violín), Natalia Gutman, Lluís Claret ou Enrico Dindo (violoncello), Joaquín Achúcarro, Rudolf Buchbinder ou Eldar Nebolsin (piano) e cantantes como Teresa Berganza, Thomas Quatshoff ou Matthias Goerne.

  Como actividade externa, a presenza nas cidades galegas, así como no resto de España, é de capital importancia, do mesmo xeito que as xiras internacionais que realizou (Austria, Alemaña, Francia, Brasil, Arxentina e, especialmente, Portugal).

  Paralelamente, a vocación pedagóxica da RFG tradúcese en actividades dirixidas aos futuros profesionais da música, a través da Escola de Altos Estudos Musicais, que imparte o Curso Avanzado de Especialización Orquestral, cos músicos da RFG como profesores. Tamén organiza concertos didácticos para nenos co Auditorio de Galicia, o que posibilita que cada ano ao redor de sete mil escolares poidan coñecer mellor a música sinfónica. A RFG está xestionada administrativamente polo Consorcio de Santiago e fai parte da Asociación Española de Orquestras Sinfónicas (AEOS).

A  s localidades para o espectáculo están á venda nas canles habituais de comercialización de entradas da fundación galega: a web de Servinova, servinova.com e a billeteira telefónica 902 504 500, en horario de 8.00 a 22.00 h. Ademais, no seu interese por achegar a cultura a un maior espectro da sociedade galega, a entidade continúa coa iniciativa mediante a que todas aquelas persoas menores de 35 anos que así o desexen poden adquirir a súa entrada media hora antes do concerto na propia billeteira a un prezo de 5 euros.