HM A Rosaleda despide, en plena alerta sanitaria, a tres traballadores/as que ían participar na candidatura da CIG ás eleccións

A central entende que son unha represalia e que a empresa aproveita a crise da Covid19 para axustar máis o cadro de persoal
Publicado por o día 20/05/2020 na sección de CIG,Salud,Sanidad,Sindicatos

HM A Rosaleda despide, en plena alerta sanitaria, a tres traballadores/as que ían participar na candidatura da CIG ás eleccións

En plena emerxencia sanitaria o HM Hospitales despediu a catro traballadoras (tres delas técnicas de raios) do hospital da Rosaleda, en Santiago de Compostela, e remitiu unha circular entre o seu persoal animándoo a “arrimar o ombreiro” e coller vacacións, reducións de xornada, permisos sen soldo, etc. para axudar a empresa nos “momentos difíciles” que estaba a pasar. Agora, en pleno proceso de recuperación de actividade e cando o SERGAS comeza a derivar doentes de novo, HM vén de despedir dous traballadores e unha traballadora alegando motivos disciplinarios.

Dáse a casualidade de que estas tres persoas ían participar na candidatura da CIG ás eleccións sindicais que se tiñan que celebrar este mesmo mes, pero que ficaron adiadas por mor da emerxencia sanitaria. “O que está a facer o HM Hospitales é aproveitarse da situación actual para reducir o cadro de persoal, aplicando despedimentos selectivos a modo de represalia”, apunta a presidenta do comité Ana Varela. Lembra que precisamente foi a CIG quen denunciou as manobras da empresa para aforrar custes laborais en plena pandemia.

Neste senso, Varela sinala que aínda que as candidaturas ás eleccións non se chegaron a formalizar “era público e sabido que estes compañeiros e esta compañeira ían formar parte das listas da CIG”.  Por iso, os ceses xa foron denunciados na Inspección de Traballo por fraudulentos e buscarase a súa nulidade en vía xudicial, por vulneración dos dereitos fundamentais.

A empresa aproveita a crise sanitaria para recortar o cadro de persoal

A escusa que utiliza o grupo sanitario para rescindirlle os contratos é a mesma nos tres casos: despedimento disciplinario por baixada voluntaria de rendemento e perda de confianza. “Isto é o que pon nas cartas, pero cando van asinar dende Recursos Humanos o que lle din é que os botan porque hai unha baixada de traballo e sobra persoal e, na situación actual, este é o único modo de podelos despedir”.  A este respecto, Ana Varela engade que dous dos afectados (un fontaneiro e un contábel) levan máis de dez anos traballando no policlínico da Rosaleda.

Para a presidenta do comité, a empresa aproveitando a alerta sanitaria para reducir aínda máis o cadro de persoal e aforrar cartos. “A empresa non ten intención de facer novas contratacións e nin sequera está substituíndo a xente que cae de baixa, obrigando así o persoal asumir unha sobrecarga de traballo, ter que a facer dobraxes, quendas que non lle corresponden…”.

Por iso, Varela teme que nas próximas semanas haxa novos despedimentos, mais advirte que se vai pelexar polo mantemento de todos os empregos e dos dereitos do persoal.

Comentar noticia

Your email address will not be published.