Hoempo e #PonteLovers desenvolven un sistema dixital de control de accesos para a hostalería

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, asegura que a ferramenta, consistente nun código QR que se instalará na entrada dos locais, “estará dispoñible esta semana”

A plataforma #PonteLovers, impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, e a Asociación de Empresarios da Hostalería de Pontevedra (Hoempo) están a colaborar no desenvolvemento dunha iniciativa denominada Programa Hostalería Responsable, consistente nun conxunto de actuacións enfocadas a axudar ao sector a adaptarse ao ‘maremagnum’ de normativas derivadas da pandemia e que está desbordando ao sector. A primeira destas accións verá a luz nos vindeiros días e traducirase nunha ferramenta dixital destinada a optimizar a protección dos establecementos hostaleiros e dos seus usuarios, facilitando o control dos aforos e a localización de clientes ante posibles brotes.

Segundo explica a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “trátase basicamente dun código QR que estará na entrada dos locais, que levará incorporado un formulario no que o usuario deixará o seu contacto e que rexistrará de xeito automático a data e a hora”. Todas esas informacións irán parar a unha base de datos que se porá a disposición das autoridades sanitarias no caso de que fora necesario.

“A idea -aclara a edil socialista- é que esta ferramenta sexa de uso extensivo en todo tipo de hostalería en Pontevedra. Será gratuíta para os asociados do colectivo Hoempo e, para os que non o sexan, terá un custe único de tan só 50 euros”.

A vontade do cliente e pensando de novo na súa protección, o consumidor poderá rexistrar tamén a través deste sistema a súa presenza en calquera bar, cafetería ou restaurante, o que, no caso de producirse un brote de Covid-19 nun destes establecementos, permitiría atallalo con moita maior eficacia.

Tal e como salienta Yoya Blanco, o sistema dixital de acceso seguro de #PonteLovers e Hoempo “é unha iniciativa absolutamente pioneira en Galicia”, resultado dun esforzo conxunto que será efectivo en breve: “Agardamos telo todo listo esta mesma semana”. “Dende a Concellería de Promoción Económica e Turismo -sinala Blanco- imos facer todo o que estea nas nosas mans para axudar a que un dos sectores máis afectados por esta pandemia, como é o da hostalería, fundamental para a nosa cidade, poida saír dela forte e coas ferramentas axeitadas para afrontar a nova normalidade”.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario