Un home falece en Coristanco nun accidente co tractor que manexaba

Publicado por o día 20/02/2018 na sección de Sucesos

Un home falece en Coristanco nun accidente co tractor que manexaba

Un home faleceu esta tarde nunha leira de Coristanco ao quedar atrapado entre as cadeas e unha roda do tractor que conducía. Os feitos ocorreron no lugar do Anido, na parroquia de Agualada.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ás 16:25 horas a través da alerta do 061-Urxencias Sanitarias, que mobilizou ata o lugar do accidente ao helicóptero medicalizado con base en Santiago.

Nada máis recibir o aviso, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia informouse do sucedido ao Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Ponteceso, aos Bombeiros de Carballo, a Protección Civil e á Garda Civil.

Unha vez na leira, os membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Carballo empregaron o material de excarceración para liberar ao home. Xa accesible, os efectivos sanitarios nada puideron facer por salvar a vida do varón.

Trasladado en helicóptero
Por outra banda, en Lousame, un home resultou ferido despois de ser esmagado contra unha parede polo tractor que manexaba. O accidente tivo lugar en Silvarredonda, na parroquia de Vilacova, ao fío das 18:25 horas.

Debido á gravidade das feridas da persoa accidentada, o 061-Urxencias Sanitarias mobilizou ata o lugar dos feitos o helicóptero medicalizado con base en Santiago. Foi o persoal sanitario quen daba a voz de alarma ao 112 Galicia. Os técnicos sanitarios indicaban no seu relato que o home atopábase accesible.

Acto seguido, dende o CIAE pasouse o aviso á Garda Civil, aos Bombeiros de Boiro, ao GES de Brión e a Protección Civil.

Finalmente, o home ferido foi trasladado na aeronave ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.