A Autoridade Portuaria de Vigo celebra a conmemoración da volta ao mundo de Magallanes e Elcano

Homenaxe a un fito histórico da humanidade e punto de encontro de todos aqueles que se interesen pola recuperación e posta en valor do patrimonio cultural marítimo portuario
Publicado por o día 16/01/2019 na sección de Galicia,Vigo

A Autoridade Portuaria de Vigo celebra a conmemoración da volta ao mundo de  Magallanes e Elcano

O presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga, convida os actos de inauguración do monumento conmemorativo do quinto centenario da primeira volta ao mundo de Fernando Magallanes e Juan Sebastián Elcano, que terá lugar o 18 de xaneiro de 2019 co recordatorio da saída das cinco naves nas que viaxaban 239 homes, entre os que se atopaban 14 galegos, incluído o noso “ Robinson Crusoe”, Gonzalo de Vigo.
 
Ás 18.15 terá lugar un parada militar e un Acto Solemne de Arriado da Bandeira Nacional no xardín de Portocultura, coa presenza da Banda de Música e unha Compañía de Honras de Alumnos da Escola Naval Militar.
 
A continuación, procederase á inauguración do monumento homenaxe á expedición de Magallanes e Elcano coa presenza de autoridades tanto civís como militares.
 
Ao seu termo, o almirante da Frota, Manuel Garat Caramé, impartirá unha conferencia sobre a Armada e a súa contribución á Sociedade, no Edificio de Sesións da Autoridade Portuaria, de entrada libre ata completar aforamento.
 
En caso de mal tempo, suspenderíase o acto de inauguración, celebrándose unicamente a conferencia no Edificio de Sesións á hora inicial prevista dos actos.
 
O sábado, 19 de xaneiro de 2019, arribará ao Porto de Vigo a fragata F-101 “Álvaro de Bazán” da Armada Española con base en Ferrol, un dos buques de defensa antiaérea á vangarda das mariñas occidentais.
 
A fragata poderá ser visitada o sábado e o domingo por todos os cidadáns no Peirao de Transatlánticos en horarios de 15.30 a 18.00 horas, o sábado, e de 10.00 a 14.00 horas e de 15.30 a 18.00 horas, o domingo.