Homenaxe ás vítimas pontevedresas do nazismo

Terá lugar nas Ruínas de San Domingos o vindeiro sábado 6 de abril, ás 12.30 horas. É un acto de reparación simbólica que recupera trazos da biografía de seis veciños que foron confinados nos campos de concetración nazis, dos que só dos saíron deles con vida.
Publicado por o día 03/04/2019 na sección de Galicia,Pontevedra

Homenaxe ás vítimas pontevedresas do nazismo

“Un acto indispensable de memoria, de xustiza simbólica, de reparación simbólica”. O concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará presentou hoxe o acto de homenaxe aos pontevedreses vítimas do nazismo que terá lugar nas Ruínas de San Domingos, o vindeiro sábado 6 de abril, ás 12.30 horas.

Manuel Coto Martínez, Urbano Sanmartín Abilleira, Antonio Gómez Torres, Claudio Tizón Vázquez, Macario Cortegoso Rodríguez (JulioManuel Pérez Taboada son os nomes dos seis veciños do Concello de Pontevedra que, segundo as listaxes oficiais, foron confinados nos campos de concentración nazis. Só Cortegoso Pérez Taboada sobreviviron a aquel horror.

No acto de homenaxe tomarán a palabra: o historiador Xosé Álvarez Castro, cuxa labor de investigación arredor da listaxe da ITS (International Tracing Service) rescatou da desmemoria retazos da biografía e traxectoria dos homenaxeados; Montse Fajardo, que fixo un traballo complementario de memoria oral, de recuperación da memoria familiar destess homes; un familiar de Pérez Taboada en representación das vítimas e o alcalde Miguel Fernández Lores. A música de Marcelo Dobode arroupará o acto de homenaxe.

O Concello de Pontevedra leva anos traballando na memoria da represión, e dun xeito especial na memoria das mulleres e o tema dos pontevedrese nos campos nazis era “unha materia pendente” sinalou Bará. A investigación acelerouse o pasado ano cando desde Alemaña contactan coa familia de Manuel Pérez Taboada para lle devolver dous aneis do home que lle foran requisados pola SS cando entrara no campo de Neuengamme.

O seu nome estaba na listaxe oficial da ITS -onde tamén aparecen os outros cinco pontevedreses vítimas dos campos nazis- e grazas a investigación posterior púdose reconstruír trazos da súa biografía. Chegara a Neuengamme dende Francia.

Segundo recolle a International Trancing Service foron máis de 9.000 os españois que pasaron polos campos de concentración nazis, entre eles había 179 galegos. Destes había 34 nacidos na provincia e 6 en Pontevedra. Os pontevedreses, como tantos outros, fuxiran da barbarie fascista cara a Francia. Alí enroláronse ben no exército francés, ben na resistencia e acabaron sendo detidos e trasladados a campos nazis.

A reconstrución da biografía dos seis pontevedreses vítimas do nazismo saca á luz historias como a de Manuel Coto, cuxa noiva Matilde Villaverde estaba embarazada cando recibiu a súa última carta, que data do ano 1936 e na que lle pedía que lle puxera ao fillo o seu nome, Manuel. Naceu unha nena, Manuela (Milucha), que vive en Arxentina e que non chegou a coñecer ao pai, que todos daban por morto na guerra civil. Matilde morreu no ano 1943 sen saber que fora do seu mozo.

Os homenaxeados:

  • Manuel Coto Martínez, veciño de Marcón. Morto no campo de Gusen no ano 1943
  • Urbano Sanmartín Abilleira, veciño de Mourente. Morto no campo de Gusen en febreiro de 1941
  • Antonio Gómez Torres. Morto no campo de Gusen en febreiro de 1945
  • Claudio Tizón Vázquez. Morto en Mauthausen, en febreiro de 1942
  • Macario Cortegoso Rodríguez (Julio). Liberado do campo de Gusen en 1945
  • Manuel Pérez Taboada, de Santa María de Xeve, Internárono no campo de Neuengamme onde foi liberado en 1945.

Comentar noticia

Your email address will not be published.