Hospital do Meixoeiro, “30 anos coidando da túa saúde”

O conselleiro de Sanidade inaugurou hoxe a exposición “A Vida do Hospital”, que recolle os fitos máis relevantes da historia do centro hospitalario
Publicado por o día 13/09/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

Hospital do Meixoeiro, “30 anos coidando da túa saúde”

A exposición “A Vida do Hospital”, que recolle os principais fitos da historia do Hospital do Meixoeiro, foi inaugurada hoxe, no hall do centro hospitalario, para celebrar os seus 30 anos de historia. A inauguración estivo presidida polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, acompañado polo xerente da área Sanitaria de Vigo, Julio García Comesaña, e a delegada territorial de Sanidade, Ángeles Feijóo Montenegro.

Ao acto asistiu o que foi director provincial do antigo Insalud, Julio Cabrera, que impulsou a posta en marcha do Meixoeiro. Ademais, participaron no evento o primeiro paciente operado no hospital, Baldomero Fernández Castiñeira, xunto co especialista que lle interveu, o urólogo Juan Mata, e antigos xerentes, directivos e profesionais que traballaron ao longo destes anos no hospital.

O hospital celebra este ano o seu 30 aniversario, baixo o lema “30 anos coidando da túa saúde, 30 anos coidando de tí”, do que a exposición é un dos actos máis relevantes e entrañables.

Abriu con 68 camas

O Hospital do Meixoeiro abriu as súas portas o 30 de novembro de 1989 con 68 camas e 2 quirófanos. O primeiros tres pacientes ingresaron o 11 de decembro. Foron operados nos seguintes días tanto polo xinecólogo Ángel de la Orden como polo urólogo Juan Mata.

Desde xaneiro de 1990, incorporáronse os distintos servizos e especialidades clínicas. En novembro dese mesmo ano abriu o Servizo de Urxencias.

Un ano despois da súa apertura, o 31 de decembro de 1990 produciuse un feito histórico para a sanidade galega, co traspaso das transferencias do Insalud á comunidade autónoma de Galicia.

Na exposición obsérvase un balance de actividade destes 30 anos. Cabe subliñar, que en todo este tempo ingresaron 332.000 pacientes, realizáronse 315.000 intervencións, atendéronse 7,5 millóns de consultas e 1,3 millóns de urxencias.

Tamén poden verse algúns elementos característicos da historia do hospital, como a primeiro organigrama, un dos primeiros contratos de traballo e nóminas ou a primeira felicitación do Nadal.

O “Hospital dos caraveis”

O Meixoeiro naceu cun enfoque distinto do resto dos hospitais da época, xa que a súa filosofía consideraba ao usuario como o eixo fundamental da actividade hospitalaria.

Para iso, tomáronse unha serie de iniciativas para reforzar a atención hostaleira e mellorar a calidade dos servizos. Unhas actuacións que lle valeron para conseguir o título de “hospital innovador”, por ser o primeiro hospital de España en ofrecer menú á carta aos pacientes, en dotar ás habitacións con televisión e teléfono, servizo de azafatas, en introducir as novas tecnoloxías e acadar unha completa informatización, e en entregar aos pacientes a prensa diaria.

De feito, na bandexa do almorzo do paciente entregábaselle un caravel. Un feito que lle valeu o sobrenome de “Hospital dos caraveis”.

Unha referencia asistencial

Desde a súa apertura ata hoxe, o hospital experimentou innumerables cambios estruturais, organizativos, asistenciais e tecnolóxicos, ata consolidarse como un centro hospitalario de primeiro nivel, con prestacións de alta calidade técnica e humana, e de referencia nacional no emprego de determinados procedementos diagnósticos e terapéuticos.

A apertura do Álvaro Cunqueiro, en 2015, marcou un punto de inflexión na atención asistencial con motivo da reordenación integral da área Sanitaria de Vigo, na que o Meixoeiro desempeña, desde entón, un papel fundamental.

Así, o conselleiro de Sanidades afirmou que “está orientado cara a tres aspectos fundamentais de actividade: a cirurxía ambulatoria e de curta estancia, atención ambulatoria e asistencia ao paciente crónico de idade avanzada pluripatolóxico”.

“Cabe sinalar que é o maior centro de Galicia especializado en cirurxía ambulatoria. No hospital realízanse dous terzos de toda a actividade cirúrxica do CHUVI”, suliñou Vázquez Almuiña.

O Meixoeiro do futuro

O conselleiro de Sanidade, nas súas verbas, recordou con agarimo a súa vinculación co hospital, do que foi xerente entre os anos 2001 e 2003, e felicitou aos profesionais por estes 30 anos de actividade.

Pero tamén falou do futuro do centro. Así explicou que “o Servizo Galego de Saúde (Sergas) desenvolve na actualidade unha reforma integral para a modernización do hospital, cun investimento que ascende a 13 millóns de euros de obra adxudicada, cofinanciado ao 80% con Fondos Feder”.

Trátase das obras de adaptación funcional da Unidade de Mama, de Medicina Nuclear, de Radioterapia e reformas de fachadas e cubertas do edificio.

E sen esquecer a premisa de que o paciente é o primeiro, que inclúe unha serie de medidas para mellorar o benestar de pacientes e acompañantes durante a súa estancia. Para iso climatizará todo a área de hospitalización e renovará o mobiliario das habitacións de pacientes.