O novo hospital público de Vigo “é a historia do fracaso da oposición: pasaron da preocupación por paralo á preocupación por ocupalo”

Publicado por o día 21/05/2015 na sección de Galicia,Partido Popular,Pontevedra

O novo hospital público de Vigo “é a historia do fracaso da oposición: pasaron da preocupación por paralo á preocupación por ocupalo”

O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Miguel Santalices, afirmou hoxe no Parlamento que o novo Hospital Público Álvaro Cunqueiro de Vigo “é a historia do fracaso dos grupos da oposición, onde pasaron da preocupación por paralo a toda costa á preocupación por ocupalo”.

Miguel Santalices indicou que “o sistema de traslados dun hospital está perfectamente definido e son moi complexos”, pero tranquilizou aos deputados da oposición porque “todo está programado e vaise facer por parte dos profesionais”.

“Vostedes van ter que tragarse que en Vigo se fixo un hospital público, que vostedes non foron quen de levalo adiante”, dixo. Ademais, reiterou que “a noticia sanitaria deste verán será a posta en funcionamento do novo Hospital Público, un centro sanitario moderno con 1.465 novas camas”.

CAMAS AXUSTADAS ÁS NECESIDADES

Na mesma comisión parlamentaria, o deputado Aurelio Núñez Centeno manifestou que este verán “haberá un número de camas operativas en Galicia axustadas á demanda real de pacientes, contando ademais, como outros anos, cun plan de continxencia que garanta a asistencia en caso de calquera circunstancia ou situación de necesidade, procedéndose de inmediato á apertura desas camas se fose preciso”.

Núñez Centeno lembrou que no 2014 estiveron operativas todo o ano máis do 86 por cento do total de camas dos centros hospitalarios da rede pública galega, cun índice de ocupación do 77,7 por cento, “moi lonxe do índice óptimo de ocupación que se estima na literatura médica: un 85 por cento”.

“De cara ao verán, a planificación lévase a cabo para cumprir a obriga de xestionar con eficiencia os fondos públicos, pero sempre garantindo a seguridade e calidade asistencial dos enfermos, así como a atención naqueles procesos que non admiten demora”, apuntou o deputado popular. Ademais, dixo que a programación “permite xestionar de maneira eficiente as vacacións regulamentarias do persoal” e recordou que o pasado ano gozaron de vacacións no mes de xullo e agosto máis dun 63 por cento do cadro de persoal.

PRENSA GRUPO PARLAMENTARIO POPULAR