Hoxe 2 de xaneiro de 2019 as urxencias do CHUS colapsadas con decenas de pacientes amontonados nos corredores de acceso

Publicado por o día 02/01/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Santiago

Hoxe 2 de xaneiro de 2019 as urxencias do CHUS colapsadas con decenas de pacientes amontonados nos corredores de acceso

As 14:42 horas un total de 13 pacientes clasificados como graves non puideron ser atendidos  agardando no corredor de acceso en cadeiras de rodas e padiolas, mentres 10 pacientes estaban ocupando espazos de atención agardando o ingreso en planta. As 16:21 horas a situación era dantesca: os pacientes graves no corredor de acceso e no de xinecoloxía eran 29 con só 4 sitios libres en observación. O tempo de espera nos corredores ata o momento en que se produce a primeira consulta médica era de 3 horas. A zona de triaxe acumulaba esperas de mais de 1 hora. As 18:30 a situación mantíñase sen cambio algún, os pacientes nos corredores eran 27, e as zonas dispoñibles en observación seguían sendo 4.

A pesares desta situación e de que chegaron a acceder ao servizo 55 pacientes nunha hora, a xefatura do servizo e a xerencia negáronse a abrir os 15 postos de atención na antiga sala de reanimación dotándoos do persoal necesario para atendelos.

O que segue acontecendo sistematicamente nos servizos de urxencias do CHUS, onde os pacientes estamos sendo obxecto dun intolerable maltrato asistencial, atenta contra o noso dereito a integridade física e psíquica e a intimidade das persoas recoñecidos no artigo 6 da Lei de Saúde de Galicia e é unha vulneración  fragrante do dereito a atención urxente do artigo 52.3. do mesmo texto legal. A xerencia ten a obriga legal e directa de garantir e facer efectivos estes dereitos e polo tanto a súa violación flagrante é da súa exclusiva responsabilidade.

Cando se produce unha situación tan grave como a que se viviu hoxe día 2 de xaneiro non é admisible que os responsable das urxencias non poñan todos os medios dispoñibles ao servizo da atención dos pacientes que o requiren por prescrición facultativa. O racionamento dos recursos é un acto contrario ao artigo 5 da carta europea dos dereitos dos pacientes que  recoñece o noso dereito a atención sanitaria e ao tratamento adecuado as nosas necesidades de saúde e que obriga a que os servizos estean continuamente dispoñibles e accesibles a todos de xeito equitativo.

A sistemática negación desta realidade por parte da xerencia e a súa negativa a responder favorablemente as nosas denuncias e ás reclamacións dos profesionais sanitarios non deixan mais alternativa que a presión social. Por elo queremos facer un chamamento a todos os pacientes e usuarios a que se manifesten o día 9 de xaneiro en Compostela por unha urxencias dignas, contra o maltrato asistencial e pola defensa do noso dereito a unha atención sanitaria pública, e de calidade.

Fotos e nota de prensa vía Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS

3 Respuestas a "Hoxe 2 de xaneiro de 2019 as urxencias do CHUS colapsadas con decenas de pacientes amontonados nos corredores de acceso"