Hoxe saíron á rúa co motivo do Día Internacional das Persoas sen Fogar

Publicado por o día 26/11/2019 na sección de Galicia,Os Ninguéns,Social,Vigo

Hoxe saíron á rúa co motivo do Día Internacional das Persoas sen Fogar

Como todos os anos, polo Día Internacional das Persoas sen Fogar, realizaron un acto de rúa visibilizando as problemáticas de senfogarismo na nosa cidade. Foi hoxe, ás 19h na peonil do Calvario

Recordaron que non existe un censo oficial para poderen recoller os datos reais do alcance deste drama e que na cidade non dispoñemos dun plan de vivenda en aluguer social que poida atenualo, polo tanto hai persoas perceptoras de RISGAS ou pensións non contributivas que ven imposible acceder a unha vivenda a prezos de mercado coas garantías que se están a pedir nestes momentos, o cal os encadea á rúa de forma crónica.

Recordaron que se ben foi aprobada a iniciativa Housing First para implantarse o 2019 dende o eido autonómico, rematando o ano todavía non se traduciu en medidas tanxibles.

Tamén, no tocante ao goberno municipal, a mellora do albergue, o seu aumento de prazas e de tempo de estancia, así como un traballo multidisciplinar de inclusión activa, e sobre todo, o compromiso das institucións para atoparen as ferramentas para evitar as mortes prematuras na rúa de veciñas empobrecidas, que seguen sucedendo en Vigo.

Manifesto

Hoxe, Día Internacional das Persoas sen fogar queremos falar dunha realidade dramática e silenciosa, oculta ao longo do mundo. No estado español, en concreto, os últimos informes mostran un aumento significativo dos casos de senfogarismo en menores de 35 anos. Sabemos amais que a vida dunha persoa empobrecida, sen teito, acúrtase considerablemente, producíndose mortes prematuras.

Na nosa cidade non podemos saber cántas persoas están a sufrir esta situación porque nin se quera temos un censo de persoas sen fogar. Calculamos que na zona centro habería sobre 80, contando as que durmen na rúa, en albergues, en pisos patera ateigados, en estancias okupadas en condicións deplorables, en xeral insalubres e perigosas.

Non existe un parque público de vivenda social en aluguer para que as persoas que non poden acceder a un prezo de mercado, ou ás garantías que se lle piden, teñan unha alternativa habitacional, así como para persoas despexadas. O programa Housing first (“a vivenda, primeiro”) que xa foi aprobado dende o eido autonómico para iniciarse en 2019, continúa sen executarse.

Dende a competencia municipal, o albergue segue sendo un dispositivo valioso pero con carencias graves que non soluciona o problema do senfogarismo na cidade, xa que só pode empregarse durante dez días. O edificio está infrautilizado, e repetimos constantemente, que se precisa unha ampliación. 38 prazas, para unha cidade de case 300 mil habitantes, son insuficientes. Igualmente esiximos que a xestión se leve dende a propia institución, e que non haxa intermediarios, ou externalizacións con ONGs: pelexamos por unha xestión directa que non abarate as condicións das traballadoras.

Se observamos as ratios das perceptoras de rendas de inclusión da Xunta, e das peticionarias do cheque social do concello, veremos que na nosa cidade poucas persoas conseguen saíren da roda da pobreza crónica. Cada ano repítense, ou aumentan: polo tanto hai unha realidade de empobrecemento estructural do que unha grande cantidade de persoas non son capaces de saír. Recordamos que no recente estudo firmado polos directores xerentes de servicios sociais afírmase que Vigo é PRECARIO no seu gasto por habitante.

Precisamos de equipos multidisciplinares que se ocupen a nivel social, laboral, psicolóxico de traballar cos perfís en risco. Hai unha carencia absoluta de traballadoras sociais, ás que están relegando a seren meras xestoras do labirinto de axudas rodeadas de burocracia. A súa laboura é outra, e precisan recibiren máis fondos, máis persoal, máis ferramentas para traballar por unha inclusión efectiva e real.

Non queremos, non podemos esquecer que nas nosas rúas seguen a morrer as nosas veciñas e veciños. Recentemente finaba o compañeiro da acampada contra a Pobreza, con só 42 anos, Xosé Comesaña, namentres pernoitaba nunha tenda de campaña: unha morte prematura e inxusta. Quedámonos sen palabras ante terribles sucesos como éste que amais son tildados de “mortes naturais”. Ningunha morte na rúa, atravesada pola pobreza severa é natural.

Queremos recordar algo esencial: as mulleres son especialmente estigmatizadas dentro da pobreza, pasan por unha situación de privación severa e se atopan nun risco de vulnerabilidade extrema, a expensas de agresións de todo tipo. As nosas compañeiras mulleres, pechadas na trampa da pobreza, moitas veces prostituidas, están a pasar un calvario, múltiple no caso das familias monomarentais, que debe ser atendido sen demoras.

O feito de que un motor económico como Vigo, con enorme superávit permita que a problemática da vivenda se cronificara ata puntos tan perigosos fainos esixir que se priorice inmediatamente, dende o político (concello de Vigo e Xunta de Galicia) traballen dende xa por mudar esta situación.

Este acto é para todas as persoas empobrecidas que non teñen ónde poñerse a cuberto cada noite. Ese refuxio que nomea a Constitución, pero que se incumple sistemáticamente para vergoña dos nosos representantes.

Polas que xa non están, pola súa memoria, e por seguiren na loita por quenes malviven nestes momentos, en perigo, en condicións insoportables, que rexeitamos con firmeza, estamos hoxe aquí.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.