Hoxe tivo a presentación da gala ano do patrimonio

No día de hoxe realizouse a presentación dun evento moi importante para a cultura galega, posto que a pon en valor e visibiliza: a Gala Ano do Patrimonio, que organiza a Deputación de Pontevedra no Auditorio de Cangas o vindeiro sábado 16 de decembro ás 20:00 horas
Publicado por o día 07/12/2017 na sección de Cangas,Galicia

Hoxe tivo a presentación da gala ano do patrimonio

No día de hoxe realizouse a presentación dun evento moi importante para a cultura galega, posto que a pon en valor e visibiliza: a Gala Ano do Patrimonio, que organiza a Deputación de Pontevedra no Auditorio de Cangas o vindeiro sábado 16 de decembro ás 20:00 horas.

O alcalde, Xosé Manuel Pazos Varela, aproveitou a ocasión para mostrar o orgullo que supón para o noso pobo acoller esta cita tan relevante: “Cangas é un gran foco cultural, agradézolle ao organismo provincial por pensar en nós á hora de levala a cabo. É un gran orgullo, o marco é acorde co espectáculo e viceversa”.

As entradas de asistencia están dispoñibles no Auditorio deste municipio, no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra e na Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo. Tamén se poden reservar por correo electrónico na dirección [email protected]

A música, a danza, o teatro, a lírica… estarán presentes nesta Gala Ano do Patrimonio. Os asistentes poderán gozar coa presenza e actuacións de Xurxo Souto, Coral Polifónica de Bueu, Rebeca Santos e Compañía, Pelepau, [email protected], Teatro de Ningures, Xosé M. Budiño e Mercedes Peón. Isabel Risco será a presentadora. “O que imos ver o día 16 é a potencia e o bo facer da nosa xente”, resaltou o concelleiro de Cultura e Normalización Lingüística, Héitor Mera. Asemade, quixo destacar o gran labor que a Deputación de Pontevedra está facendo coa política cultural: “Nestes últimos dous anos predominan a galeguidade, a seriedade e a responsabilidade. Detrás diso hai un gran traballo cunhas liñas moi contundentes”.

Xosé Leal, deputado de Cultura, explicou que se escolleu esta vila para realizar semellante celebración por dous motivos principais. O primeiro deles xira arredor do “fervedoiro cultural que supón Cangas e o Morrazo en xeral”. O segundo débese a que aquí se atopa unha das mellores infraestruturas de toda a provincia de Pontevedra: o Auditorio Municipal, lugar no que se acollerá un evento que congrega moitas das accións que se levaron a cabo por parte da Deputación durante todo este e ano. “Un dos obxectivos principais é dar visibilidade ao noso patrimonio inmaterial e facer que a cidadanía poida acceder a el”.

Cómpre resaltar que o deseño do cartel é autoría de Luis Davila. No mesmo faise referencia a Cangas coa representación do Monte do Facho.

Actuacións

Na presentación da Gala tamén estiveron presentes algúns dos persoeiros que actuarán ante o gran público.

Teatro de Ningures, que actualmente se atopa traballando na montaxe que levará a cabo no evento de Cangas 1617: A Defensa da Vila, representará un fragmento do xuízo que se lle fixo a María Soliña, no que se lle acusaba de meiga. Tamén se reproducirá unha visión lírica poética na que María Soliña ve a pantasma de Pedro Barba.

A Coral Polifónica de Bueu aportará unha pincelada de música mariñeira coa colaboración de Suso Souto. Pezas dedicadas a María Soliña ou a Carmiña Fernández
formarán parte do seu repertorio.

Xosé M. Budiño realizará unha breve intervención ao final do evento con Mercedes Peón.