A humanización de Vía Norte incluirá a iluminación da fachada da igrexa de Fátima

O alcalde visitou este xoves as obras de humanización de Vía Norte entre Travesía de Vigo e Escultor Gregorio Hernández, que teñen un orzamento de 1,3 millóns de euros e que permitirá renovar un quilómetro de tubaxes e soterrar os cables.
Publicado por o día 27/04/2017 na sección de Concello de Vigo,Vigo

A humanización de Vía Norte incluirá a iluminación da fachada da igrexa de Fátima

Abel Caballero sinalou que a primeira fase da humanización de Vía Norte “resolverá unha parte importante” da rúa que se verá completada coa segunda fase, que comprenderá a beirarrúa esquerda, no tramo que se estende desde Escultor Gregorio Hernández ata Urzáiz.

Durante a visita aos traballos que se están acometendo na primeira fase, no tramo comprendido entre Travesía de Vigo e Escultor Gregorio Fernández, o rexedor explicou que a obra supoñerá un investimento de 1,3 millóns de euros, para unha lonxitude de actuación de 330 metros, e permitirá realizar algunhas melloras como a iluminación da fachada da igrexa de Fátima coa colocación de dous proxectores.


A humanización de Vía Norte incluirá máis dun quilómetro de novas tubaxes de saneamento, augas pluviais e abastecemento, permitirá construír 200 metros cadrados de superficie axardinada, a plantación de 41 árbores con xardineiras nas interseccións e a instalación de 18 farois novos. Amais o Concello vai soterrar as redes aéreas de telecomunicacións e da rede eléctrica e instalarán 15 papeleiras, 20 bancos e ópticas LED en todo o tramo.