A idea de patria de En Marea é a da vontade colectiva, a de interactuar, integrar, construír e, mirar ao futuro

Publicado por o día 22/07/2017 na sección de En Marea,Galicia,Política

A idea de patria de En Marea é a da vontade colectiva, a de interactuar, integrar, construír e, mirar ao futuro

A vicevoceira de En Marea, Victoria Esteban e o membro da coordinadora Gonzalo Rodríguez deron conta da programación detallada do Día da Patria. Rodríguez explicou que o lema “A Galicia que queremos” ten o “dobre sentido” da “Galicia que amamos e da Galicia que queremos construír”. Neste sentido, En Marea entende a patria como a “construción colectiva”, como “a idea de patria onde cabe moita pluralidade, onde esa pluralidade ten que construír colectivamente. Reflexa esa vocación de futuro e de espazo común, esa vocación de abrir a patria, non ser unha patria de parte, non a patria de En Marea, non a patria de algúns, senón unha patria que busca interactuar, integrar, construír e, sobre todo, mirar ao futuro”. Rodríguez sostivo que a ese acervo corresponde “un dos actos centrais do día é ese onde diversas organizacións tamén van propoñer os seus desexos  para esta patria común e compartida”.

Deixar de falar de si mesmos

Por outra banda, Rodríguez tamén sinalou que  “é a primeira vez que En Marea celebra este día e ten que ser un “punto de inflexión no sentido que remata un curso escolar e comeza outro novo, no que ten que ser a etapa na que deixemos de falar de nós mesmos e empecemos a falar do que hai aí fóra”. O membro da coordinadora exemplificou isto en que “hai que darlle resposta ao crecente marco neoliberal, hai que darlle resposta á educación, onde se fai con nocturnidade e alevosía o peche de centros, hai que falar da política de desenvolvemento rural que permita optimizar os recursos e frear a eucaliptización, hai que darlle resposta á mocidade emigrada, hai que falar desas empresas que seguen a deslocalizarse, hai que falar de cal é a política que vai permitir a creación de emprego de calidade…”. Ao fío disto engadiu que “hai mil temas nos que nos demandan unha resposta, e diso hai que falar, e menos de nós mesmos”.

Programa completo

Esteban afondou nos detalles do acto do día 25 que, para En Marea vai ser unha “celebración lúdica, festiva, de confraternización, de conciliación e no que as familias poidan desfrutar”.

A vicevoceira informou que de ás 11.3º empezará o espectáculo infantil de Mamá Cabra, aínda que os nenos Terán animación durante todo o día con xogos infantís, malabares, bodypainting ou xogos de auga.

“O acto político será unha dinámica participativa con diversos movementos sociais, na que se pendurarán nunha árbore frases e ideas sobre o país que imaxinamos”, explicou Esteban. Ao fío disto subliñou que estarán “Salvemos a Fracha, SOS sanidade pública, Arelas, Boa vida, Amarante, Libera, mozas e mozos emigrados e varios colectivos máis”.

“Tras iso, todo o día estará aberto a que todo o mundo participe pendurando as súas ideas, baixo o sublema A patria das comúns”, engadiu a vicevoceira.

A organización informou de que ás 14.00 empezará a sesión vermú co grupo Fanfarria Taquikardia, ás 15.00 o xantar de confraternización con prezos populares e reducidos para persoas en situación de desemprego e xente moza e que estará aberto a todas as persoas que queiran participar.

Do mesmo xeito, pola tarde haberá obradoiros nos que se pode participar libremente como o de poesía lírica e combativa, coa participación de Estíbaliz Espinosa, Eduardo Estévez, Iria Piñeiro, María Lado e Estevo Creus que recitarán poesía nun roteiro polas árbores do lugar. Haberá actividades e música ata o remate entorno ás 20.00

É positivo que todo o mundo celebre a patria

Ante a pregunta da celebración da patria dun xeito fragmentado polos partidos que integran En Marea, Rodríguez subliñou que é “positivo que todo o mundo celebre o día de distinto xeito” porque “tal e como di o célebre poema, as columnas do templo están separadas pero soportan o mesmo teito”. “O que si nos preocupa”, continuou Rodríguez “é que partidos como o PP ou o PSOE non o celebren ou se poñan de lado. Precisamente botamos de menos a quen non o celebra, non a quen si o fai”.

Pola súa banda, Esteban quixo subliñar que “nun espazo plural é lóxico que cada quen queira celebrar ese día no xeito no que o sinte, pero hai moitas persoas que non pertencen a ningún partido e tamén deben ter o seu espazo de celebración”. “Pouco a pouco iremos encaixando as pezas, estou segura”, concluíu.