IESIDE inaugura a primeira escola de verán virtual China-Galicia

Ata o 31 de xullo, 21 estudantes chineses participarán no programa DERI, Diploma Elemental de Relacións Internacionais, que ten como obxectivo mellorar as destrezas lingüísticas dos participantes e adquirir coñecementos básicos da empresa
Publicado por o día 21/07/2020 na sección de Formación

IESIDE inaugura a primeira escola de verán virtual China-Galicia

IESIDE desenvolverá ata o vindeiro 31 de xullo a primeira escola de verán virtual Galicia-China, unha innovadora experiencia que se desenvolve en colaboración coa Universidade de Economía e Comercio Internacional de Beijing, UIBE, unha das máis prestixiosas do país. O programa DERI (Diploma Elemental de Relacións Internacionais) celebra a súa primeira edición como alternativa ao Diploma Avanzado en Relacións Internacionais, DARI, o primeiro programa español de negocios internacionais de carácter intercultural que se imparte en Galicia e que este ano non poderá celebrarse de forma presencial debido ás restricións ás viaxes internacionais impostas polo impacto da COVID-19.

O DERI é un programa intensivo de dúas semanas de duración no que participan 21 estudantes de UIBE e ten como obxectivo a adquisición de coñecementos básicos do mundo da empresa así como o desenvolvemento de destrezas orais e de escoita activa en español por parte dos participantes. Deste xeito, os estudantes recibirán formación en márketing e economía internacional así como en español comercial.

O programa impártese en modalidade sincrónica e a súa metodoloxía e tecnoloxía adaptáronse para garantir a máxima calidade na transmisión e seguimento por parte dos estudantes. As sesións en liña compleméntanse con materiais audiovisuais adaptados para canles como Bilibili ou Youku e accesibles a través da plataforma educativa EDMODO, adquirida en 2018 polo xigante chinés 2018 Netdragon e moi popular desde 2014 no sistema educativo chinés.

PROGRAMA DARI

O DARI é unha acción formativa encadrada no Plan China de IESIDE cuxo obxectivo principal é o de apoiar as empresas galegas na súa entrada e posicionamento no mercado chinés, proporcionándolles profesionais dese país multilingües con formación empresarial, así como o de promocionar o sector turístico galego en China. Os estudantes que participaron nas catro edicións que se celebraron ata 2019, entre os que se atopan alumnos chineses e españois, formáronse mediante visitas a empresas e institucións, desenvolvendo proxectos para empresas en equipos multiculturais, perfeccionando o seu nivel de español e chinés. Unha formación que complementan con actividades turísticas e de lecer para coñecer Galicia desde unha perspectiva máis amena e diferente.

UIBE

A Universidade de Economía e Comercio Internacional (UIBE), fundada en Beijing en 1951, foi pioneira no seu país ao ofertar graos e programas de máster en inglés. Con máis de 16.000 estudantes, entre os que se atopan 3200 estranxeiros procedentes de máis de 130 países, UIBE é unha universidade multidisciplinar que imparte máis de 50 especialidades nas áreas de comercio internacional e economía, administración comercial, finanzas, linguas estranxeiras aplicadas ao ámbito dos negocios ou dereito internacional.

En 2019, unha delegación institucional de IESIDE, encabezada polo seu reitor presidente, Miguel Ángel Escotet, realizou unha visita institucional a Beijing para ampliar o ámbito do convenio subscrito en 2016 con esta universidade, pioneira e líder pola súa especialización no ámbito empresarial e que figura entre as 10 mellores das 2800 do país pola súa calidade e a alta empregabilidade dos seus graduados. Nesta viaxe estableceuse así mesmo unha nova liña de cooperación coa súa prestixiosa Business School, que goza da tripla coroa de acreditación internacional. Este novo proxecto educativo, no que se enmarcan o programa virtual DERI e o Diploma Avanzado de Relacións Internacionais ( DARI) persegue dotar ás empresas de ambos os países de talento novo altamente cualificado e con dominio dos idiomas chinés, español e inglés para potenciar a expansión de investimentos empresariais en ambos os territorios.

IESIDE

IESIDE é o proxecto estratéxico da área Educación Superior de Afundación, a Obra Social de ABANCA, comprometida co desenvolvemento social e económico do noroeste de España e Portugal. Desde 1987 o Instituto de Educación Superior intercontinental da Empresa combina a excelencia, a innovación e as novas tecnoloxías de aprendizaxe cun modelo académico diferencial, adaptable e eficiente, baseado en competencias. Isto, unido á cooperación institucional, permitiulle desenvolver un modelo educativo excelente, que se adapta constantemente ás novas contornas e é acorde coas últimas tendencias.

O enfoque internacional dos programas reflíctese no perfil do claustro e os seus estudantes, na súa mobilidade, nos acordos con universidades estranxeiras que favorecen as dobres titulacións e no carácter bilingüe de varios dos seus títulos. IESIDE é, así mesmo, unha entidade orientada á calidade. O deseño e o desenvolvemento do Sistema de Garantía de Calidade do MBA está avalado pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), en consonancia coas directrices do programa FIDES-AUDIT e cos criterios para o aseguramento da calidade no Espazo Europeo de Educación Superior.

Así mesmo, o importante investimento en recursos tecnolóxicos educativos nos campus de IESIDE garante o máximo aproveitamento das sesións formativas tanto presenciais como a través do seu campus virtual interactivo, baseado no modelo de presencialidade en remoto.

Comentar noticia

Your email address will not be published.