Ignacio Martín Maruri, profesor do Executive MBA de IESIDE, e Roberto Domínguez, xerente de Don Disfraz, en «ABANCA e IESIDE asesoran» nos Directos de Afundación-TV

A conferencia do profesor Martín Maruri, referente internacional en consultoría organizacional e desenvolvemento sostible, terá lugar mañá, martes 21 de abril, a partir das 17.00 h nos Directos de Afundación-TV
Publicado por o día 20/04/2020 na sección de Formación

Ignacio Martín Maruri, profesor do Executive MBA de IESIDE, e Roberto Domínguez, xerente de Don Disfraz, en «ABANCA e IESIDE asesoran» nos Directos de Afundación-TV

Os Directos de Afundación-TV, de Afundación en casa, presentan dúas novas charlas enmarcadas na sección de «ABANCA e IESIDE asesoran». Mañá, martes 21 de abril, a partir das 17.00 h, está programada a conferencia «Teletraballo en equipo en tempos de illamento: un desafío múltiple» que impartirá o profesor do Executive MBA de IESIDE e recoñecido especialista internacional Ignacio Martín Maruri.

Ás 19.30 h, pola súa parte, dará comezo o relatorio do xerente de Don Disfraz, Roberto Domínguez, titulada «CEO Talks. Tienda online» que se enmarca no programa de conferencias dinamizado por IESIDE e ABANCA denominado «Economía e empresa en tempos de COVID», que conta con Lalo García como moderador.

Na sesión en directo de Ignacio Martín Maruri, cuxa inscrición se pode formalizar aquí, abordarase a casuística propia do teletraballo en illamento. Á realización da tarefa habitual úneselle a conxuntura pola que pasa a empresa, o desafío do propio equipo de manterse conectado e os problemas familiares e persoais que supón o confinamento.

Simplemente concentrarse nas ferramentas tecnolóxicas é unha mirada moi limitada e pouco produtiva. É importante, como empresa, entender o desafío emocional que supón o teletraballo para dar unha resposta integral que axude os equipos a manteren a súa produtividade.

Ignacio Martín Maruri é enxeñeiro superior de Telecomunicacións pola Technische Hochschule Darmstadt de Alemaña, Executive MBA do Instituto de Empresa, especialista en Xestión de ONG pola UNED e Máster en Administración Pública MPA da Universidade de Harvard. Actualmente é socio consultor de CLA Consulting e profesor de Liderado e de Transformación Organizacional da Universidad Adolfo Ibáñez (Chile), onde foi galardoado en catro ocasións como mellor profesor do Executive MBA.

Pola súa parte, no segundo dos encontros de «Economía e empresa en tempos de COVID», cuxa inscrición se pode formalizar aquí, Roberto Domínguez, xerente de Don Disfraz, tratará os retos ante os que se sitúan as empresas neste escenario inédito de illamento e medidas de protección social. Estas charlas, nas que emprendedores, investidores e empresarios explican a súa experiencia neste contexto, contan con Lalo García como moderador.

Don Disfraz xurdiu en 2007 como un proxecto de Roberto Domínguez e a súa irmá Pilar, tras a experiencia de anos dos seus pais no negocio do aluguer de disfraces. O cambio na orientación veu dado do paso do aluguer das vestimentas á venda. O negocio empezou cunha tenda e un pequeno almacén e só dous anos despois, Don Disfraz dá o salto dixital: abre a súa primeira páxina web e empeza a vender online para toda España. En 2011 a compañía comeza a súa expansión internacional desde as súas oficinas centrais en Ponteareas. Desde entón, os seus disfraces e complementos non pararon de chegar a novos puntos de Europa. Entre as súas cifras, destacan os máis de 25 000 produtos en stock, máis de 150 000 pedidos anuais e a súa presenza en 16 países europeos.

«Afundación en casa» «Afundación en casa» é o novo portal web de acceso libre e gratuíto, creado a instancias de ABANCA e a súa Obra Social, no que se verte, durante esta etapa, toda a actividade que o equipo de Afundación continúa planificando e desenvolvendo desde os seus domicilios. Deste xeito, a Obra Social de ABANCA segue poñendo á disposición da cidadanía os seus proxectos culturais, sociais e formativos, mantendo o mesmo nivel de esixencia. En la sección «ABANCA e IESIDE asesoran» se proporciona, por una parte, información ás PEMES, aos autónomos e a quen, desde o ámbito da actividade que desenvolven, teñan dúbidas sobre as medidas ou os recursos ao seu alcance ante a situación de excepcionalidade provocada pola COVID-19.

Tamén están dispoñibles os recursos de IESIDE como masterclasses, conferencias ou foros, así como o acceso a unha biblioteca online onde se poderá atopar un gran número de publicacións dixitalizadas dos ámbitos económico e financeiro, esencialmente. Desde o pasado día 12 de marzo, a docencia en IESIDE impártese de xeito interactivo a distancia. A avanzada tecnoloxía da plataforma online de IESIDE foi recentemente desenvolvida e implementada para poder conducir as sesións de todos os programas de forma dixital e por vídeo sincrónico, de modo que os estudantes poden recibir a formación interactiva nos seus propios domicilios, coa mesma calidade que en modalidade presencial, mantendo así o habitual ritmo de traballo académico.

Toda esta actividade, integrada por máis de 300 recursos, é facilmente accesible nos perfís das redes sociais de Afundación baixo a etiqueta #AfundaciónEnCasa.