Ignacio Rivera, conselleiro delegado de Estrella Galicia: “Soñar é gratis e moi rendible”

Na súa intervención foi debullando algúns dos segredos da estratexia dunha empresa centenaria
Publicado por o día 05/03/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Ignacio Rivera, conselleiro delegado de Estrella Galicia: “Soñar é gratis e moi rendible”

O alumnado da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais recibiu este mércores a visita dun dos executivos máis destacados do panorama empresarial galego, o conselleiro delegado de Hijos de Rivera, recoñecido en 2019 como o CEO con mellor reputación en España tras obter a maior puntuación no informe CEO Reptrak Spain 2019, elaborado pola plataforma internacional Reputation Institute. Presentado polo decano do centro, o profesor Jorge Falagán, Ignacio Rivera, impartiu a conferencia Estrategia con propósito, unha intervención na que foi debullando algúns dos segredos da estratexia, tanto empresarial como de marca, dunha empresa centenaria propietaria de marcas tan recoñecidas como Estrella Galicia ou Cabreiroá.

Exemplo claro de empresa familiar, Ignacio Rivera é a cuarta xeración á fronte dunha  compañía que está en pleno proceso de internacionalización e que alcanzou o seu récord de ingresos en 2018 con máis de 500 millóns de euros, ano no que tamén superou por primeira vez os 309 millóns de litros de cervexa de produción, tal e como el mesmo destacou ao longo da súa intervención. O conselleiro delegado de Estrella Galicia cativou con simpatía e entusiasmo ao numeroso público que asistiu á súa conferencia, maioritariamente alumnas e alumnos, pero tamén un amplo números de docentes do centro, entre eles o vicerreitor de Economía, José María Martín Moreno; o exreitor Alberto Gago e a co-directora da Cátedra de Empresa Familiar, Elena Rivo.

Cinco claves para conseguir a diferenciación e, con ela, o éxito

Rivera iniciou a súa intervención lembrando a historia da compañía e, con ela, a súa propia historia familiar, xa que todo comezou do soño dun grande emprendedor, o seu bisavó: José María Rivera Corral, orixinario dunha aldea das Pontes que, tras emigrar moi noviño a América regresou á súa terra para fundar, no 1906, La Estrella de Galicia, dedicada á fabricación de cervexas e xeo. Ese foi o xerme e, a partires de aí, veu todo o demais, a historia dunha corporación cunha gran diversificación de produtos, servizos e mercados.

Cunha única planta de produción, situada na Coruña, o éxito desta empresa débese, segundo Rivera, a diferentes aspectos, pero un dos máis importantes é a busca constante da diferenciación. “Nós eliximos ser diferentes e para conseguilo penso que hai cinco claves que son básicas”, recalcou ao inicio da súa intervención e foi precisamente nestas cinco claves nas que vertebrou a conferencia: ama o que fas, soña, o cliente é o centro, ten claro o que queres e non deixes de reorganizarte e transformarte.

Entre os moitos consellos e reflexións que deixou na súa visita á facultade viguesa, falou da importancia de “namorarse e amar o que fas, pois este é o mellor xeito de estar vivo”, e tamén de soñar, pois, tal e como repetiu en varias ocasións, “soñar é gratis e moi rendible”. Tamén lles recordou aos futuros directivos e directivas que perdan o medo a trabucarse “equivocarse é de valentes” e a preguntar, “facer preguntas non é de ignorantes, senón de intelixentes”.

O conselleiro delegado de Estrella Galicia fixo tamén fincapé na importancia de ter claro o que se quere e, nesta liña, confirmou que, no seu caso, non queren “ser a cervexa máis vendida, senón a máis amada”. E como quinta clave, Rivera falou doutro aspecto que considera básico en calquera corporación: reorganizarse e transformarse continuamente, “algo básico para impulsar novas oportunidades de negocio.