O IGVS publica a lista de admitidos para o sorteo de cinco vivendas protexidas rehabilitadas polo consorcio Casco Vello de Vigo Escoitar

As promocións de Subida ao Castelo e Subida á Costa, que entran na fase final de adxudicación, supuxeron para o ente público un investimento de máis 500.000 euros
Por o 08/02/2018 | Sección: Galicia,Vigo
O IGVS publica a lista de admitidos para o sorteo de cinco vivendas protexidas rehabilitadas polo consorcio Casco Vello de Vigo Escoitar

As últimas promocións do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), participado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia e nun 10 por cento polo Concello, Subida ao Castelo 12 e Subida á Costa 5 contan con 92 aspirantes, segundo recóllese nas listaxes provisionais de admitidos publicadas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).

Concretamente, a vivenda ofertada polo organismo público na rúa Subida á Costa número 5 recibiu 54 solicitudes, das que sete foron excluídas ao non cumprir cos requisitos e 47 admitidas. En canto a Subida ao Castelo número 12 presentáronse outros 54 aspirantes para as catro vivendas dispoñibles, con 45 admitidos e nove excluídos.

Cómpre lembrar que todos os solicitantes non admitidos poderán reclamar ata o día 11 deste mes ante eses mesmos servizos para emendar os posibles erros na documentación presentada. Unha vez finalizado este proceso de revisión o IGVS procederá a publicar as listaxes definitivas de admitidos e convocará o concurso público, realizado ante notario, no que se establecerá a orde de adxudicación das vivendas.

As promocións de Subida ao Castelo e Subida á Costa, que entran na fase final de adxudicación, supuxeron para o ente público un investimento de máis 500.000 euros.

Características das vivendas

As catro vivendas que se crearon en Subida ao Castelo 12 teñen superficies comprendidas entre os 55 e os 76 metros cadrados útiles. Distribuídas en dúas plantas, todas elas teñen acceso directo desde a rúa e dúas delas contan cun pequeno xardín posterior, en tanto que as outras teñen balcóns abertos cara á rúa que dá nome á promoción. Os prezos oscilan entre os 95.000 e os 125.000 euros.

En Subida á Costa 5 o Consorcio Casco Vello creou unha vivenda unifamiliar, situada na primeira planta, e un baixo comercial, rehabilitando un edificio anteriormente dedicado a usos hostaleiros. A vivenda ten unha superficie de 69 metros cadrados, conta con dous dormitorios e o prezo fixado é de 114.000 euros.

104 vivendas rehabilitadas

Ata o momento actual o Consorcio do Casco Vello de Vigo leva adquiridos 74 inmobles, dos que 58 xa foron rehabilitados e tres están en execución.
Rehabilitáronse 104 vivendas, das que 84 foron vendidas e 10 están ocupadas en réxime de alugueiro. Tamén se rehabilitaron 32 locais comerciais, dos que se venderon 6 e 12 están ocupados en réxime de alugueiro, estando os 17 restantes en fase de adxudicación.