II PRIMAVERA DE CABRAL- Érguete Veciño!

Publicado por o día 08/05/2014 na sección de Vigo

II PRIMAVERA DE CABRAL- Érguete Veciño!

Os comuneiros en defensa do monte de Cabral organizan unha xornada de andaina e concertos para conmemorar un ano de movilizacións contra o intento de construcción dun macro-centro comercial no seu monte veciñal. Este sábado 10 de Maio convídase a toda a cidadanía a participar na “II Primavera de Cabral” para tomar conciencia do valor que ten este fermoso monte e disfrutar dunha alegre xornada neste espazo verde que fai de pulmón da cidade de Vigo.

O evento comezará cun acto de presentación ás 19.30 no parque forestal de Cotogrande, seguido dunha curta andaina (30 minutos) ata a Igrexa de Cabral, e alí, no adro, ás 21h, procederase á lectura dun manifesto que dará paso aos concertos de música. Tonhito de Poi (artista polifacético) presentará as actuacións dos grupos de música galegos, que actúan xenerosamente apoiando esta causa. A música será así o estandarte sonoro da causa veciñal, a voz do monte que clama pola súa propia supervivencia e que permitirá escoitar de balde a “O Leo Arremecaghona” (cantante periurbano), Pandereteiras de Urdime, Fume de Caroso (grupo de gaitas tradicional), Gaita&Cía (ácido folclórico), Tino Baz (cantautor galego), e a Sanamá (bloco de samba).

O nome de Primavera de Cabral responde ao xurdimento dun movemento social, cunha alta participación de xente nova, que tomou conciencia da defensa do seu patrimonio natural fronte aos intentos dunha especulación urbanística que ameaza con extinguir o monte comunal.

Por una banda o evento busca avivar a concencia dos veciños contra o proxecto Porto Cabral, pero ademais tamén é unha chamada á convivencia festiva e ao tempo reivindicativa, un alegato a prol do valor social que ten o monte comunal en Galicia, un berro de unión contra a apatía: ¡érguete veciño, non deixes que outros decidan por ti o futuro da terra dos teus maiores!