II Xornada da diversidade en Santiago de Compostela. O acoso escolar

Publicado por o día 26/10/2017 na sección de Educación,Eventos,Galicia,Santiago

II Xornada da diversidade en Santiago de Compostela. O acoso escolar

O próximo sábado , 28 de outubro de 2017, a Federación Galega de ANPAs,  “FANPA COMPOSTELA”, celebrará as súas II Xornadas da diversidade; nesta ocasión centradas nun tema de especial importancia e presenza, o acoso escolar, e presentadas por un relator de excepción, o profesor Angel Carracedo, que nos falará de “as razóns biolóxicas da diversidade”.

Dende a comisión de necesidades especiais da FANPA COMPOSTELA, que é realmente o grupo organizador desta Xornada, preténdese nesta ocasión tratar un tema universal, como é o acoso escolar, dándolle un especial tratamento ao feito de que os nenos e nenas con necesidades educativas especiais son suxeitos moito máis sensíbeis a estas situacións; non só pola incidencia que existe entre o colectivo, en moitas ocasións maltratado dun xeito case inevitábel pola súa condición de “diferentes”, senón mesmo pola especial relevancia que estas condutas teñen na súa percepción da vida escolar.

Para conseguir dar un chisco máis de luz dentro desta problemática, contaremos non só coa presenza de diferentes persoas que traballan neste tema de a cotío: representantes da policía, inspección educativa, profesorado ou mesmo dun dos Equipos de Orientación Específica da Xunta de Galicia; senón que tamén teremos a testemuña directa de persoas que foron acosadas, e de familiares directos destas persoas; porque compartir as experiencias reais da man daqueles que as viviron é o mellor achegamento a unha realidade que non se nos pode escapar.

Faremos a Xornada nas instalacións da EGAP, e utilizaremos todo o día 28, mañán e tarde, porque o Acoso escolar é moito máis ca un problema dalgúns nenos e nenas, é un problema social xeralizado que afecta á tolerancia, e á nosa capacidade para incluír a todos e todas, e de considerarmonos parte imprescindible da nosa sociedade.